Un encontro cun centenar de veciños dos concellos de Cotobade e Cerdedo, celebrado na carballeira de San Xusto (San Xurxo de Sacos), foi o lugar elixido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para expresar o seu apoio á fusión que de forma voluntaria expuxeron ambos os concellos e que cualificou como unha decisión "moi valente e moi oportuna".
Acompañado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os alcaldes de Cotobade e Cerdedo, Jorge Cubela e José Balseiros, Núñez Feijóo quixo felicitar ás corporacións e aos veciños de ambos os municipios por dar un paso que supoñerá a súa "supervivencia" como concello "para todo este século XXI".
Con máis de 6.000 habitantes e uns 200 quilómetros cadrados de extensión, o concello resultante desta fusión, segundo o presidente galego, ten viabilidade social, económica e política e persistirá no mapa territorial autonómico "por moitas reformas legais que se fagan a nivel estatal".
Ademais, Núñez Feijóo asegurou que Cotobade e Cerdedo recibirán unha inxección económica de 1,5 millóns de euros grazas á orde de axudas que "cumprindo a palabra dada" saíu publicada este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) e da que se poderán beneficiar os concellos que opten por fusionarse.
"Iso é moitísimo diñeiro para un concello fusionado e supón un antes e un despois desde o punto de vista da viabilidade económica", sinalou o titular do executivo galego.
Alberto Núñez Feijóo sinalou que se en Galicia houbese máis concellos como Oza e Cesuras -os primeiros en fusionarse- ou como Cotobade e Cerdedo "teríamos un mapa territorial máis ordenado e máis racional", polo que reiterou o "respecto" e o "agradecemento" do goberno galego a estes municipios.
O presidente galego lembrou que para completar a fusión entre estes dous concellos pontevedreses débese emitir aínda algún informe "determinante" e ser aprobada por parte do Consello da Xunta.
Neste sentido, Núñez Feijóo lamentou o informe contrario que, tanto técnica como politicamente, emitiu a Deputación de Pontevedra con respecto a esta fusión.
"Os informes teñen que axustarse á lei e cando os concellos fan as cousas conforme á lei os informes non se poden discutir", destacou o titular da Xunta, que espera que os técnicos provinciais rectifiquen e elaboren un ditame "obxectivo e incuestionable", porque o contrario sería unha "inxerencia" da deputación na súa autonomía municipal.
Ademais, criticou a posición política do PSdeG-PSOE por opoñerse a esta fusión cando en Santiago de Compostela "falan de fusionar concellos" ou en Madrid tratan de impulsar unha nova organización territorial e unha reforma constitucional, entre outras cuestións.
"A xente darase conta de que os que se fusionan son concellos do PP e á Deputación non lle gusta que os alcaldes do PP cheguen a acordos", concluíu Feijóo, que recoñeceu que sería "fantástico" unha fusión entre concellos de distinta cor política.