"A pesar do susto dos orzamentos nos que aparentemente non aparecían as inversións, por parte do presidente confirmáronse os proxectos comprometidos con Pontevedra", así de aliviado resumiu o alcalde Miguel Fernández Lores a entrevista mantida este venres co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O alcalde destacou o "pequeno cambio de actitude" que aprecia no executivo galego respecto a Pontevedra, polo que Lores agarda que isto leve a un "incremento da colaboración entre as dúas administracións".
Neste momento, dixo o presidente Feijóo, para as grandes infraestruturas "temos presuposto e prazos ambiciosos" para abordar conxuntamente co Concello.
"Hoxe temos enfocada a lexislatura para Pontevedra. Sabemos o que imos facer", engadiu. "Estou convencido de que nesta lexislatura todas as cousas que acabamos de referir se poden ou finalizar ou deixalas en execución co prazo que hoxe o alcalde máis eu acabamos de comprobar", sinalou.
PAVILLÓN DE XIMNASIA DEPORTIVA
Da axenda que o alcalde capitalino levaba a entrevista con Feijóo destaca que a Xunta está disposta a colaborar no financiamento dun novo pavillón de ximnasia deportiva. Unha infraestrutura que, cun investimento conxunto de entre 2,5 e 3 millóns de euros, dará servizo aos clubs pontevedreses, ademais de poñerse á disposición da alta competición.
Trátase dun pavillón de competición que se construirá na Parda anexo ao futuro pavillón polideportivo que o Concello ten en proyecto xunto coa Deputación. Serían polo tanto dous pavillóns que compartirían unha zona de vestiarios, almacéns e ximnasios.
A Xunta está disposta a colaborar no financiamento do pavillón de ximnasia nun 50%. O xeito de artellar esta colaboración ten que ser consensuado nun protocolo que hai que estudar.
GRAN MONTECELO
O presidente da Xunta tamén avanzou que o plan funcional do hospital público Gran Montecelo estará listo en maio e que se axilizarán os prazos para tentar licitalo a finais do ano que vén.
"Hoxe temos enfocada a lexislatura para Pontevedra. Sabemos o que imos facer", dixo Feijóo
Cun investimento de 140 millóns de euros, Feijóo precisou que para acadar este obxectivo, e logo da presentación do plan funcional, a administración autonómica intentará executar de forma simultánea o contrato de elaboración do plan sectorial, do levantamento topográfico e do proxecto básico e proxecto construtivo.
"Se somos capaces de licitar de forma conxunta todos estes contratos, poderemos estar en condicións de licitar a ampliación do Hospital de Montecelo a finais de 2018", incidiu, recoñecendo que se trata dun prazo "ambicioso", no que tamén hai que ter en conta que o Concello se compromete a facer, o saneamento e o abastecemento, expropiacións e vías perimetrais.
"Quedan atrás as dúbidas e o pantasma de Monte Carrasco", subliñou Fernández Lores.
"Poderemos estar en condicións de licitar a ampliación do Hospital de Montecelo a finais de 2018", anunciou Feijóo
NOVA RESIDENCIA DE MAIORES
O titular do executivo autonómico trasladou tamén o compromiso de seguir traballando pola mellora dos servizos sociais, e avanzou o obxectivo de licitar nesta lexislatura unha nova residencia de maiores no termo municipal, para o que se proporá nas vindeiras semanas un plan director ao Concello.
VARIANTE DE ALBA
Sobre a Variante de Alba. a Xunta está a avaliar e incorporar a modificación formulada polo Concello para garantir a seguridade dos tráficos peonís e ciclistas, "crucial en San Caetano ao paso do Camiño de Santiago", dixo Lores.
EDIFICIO DE BENITO CORBAL
Ao respecto da antiga sede administrativa da Xunta na rúa Benito Corbal, Feijóo confirmoulle a Lores que o proxecto de reforma e rehabilitación do inmoble sairá a licitación este ano 2017. Unha actuación que terá un custe de 3,7 millóns de euros e que permitirá a ocupación das súas dependencias por servizos de Emprego da Xunta, a Universidade (Campus Crea) e asociacións veciñais e colectivos sociais.
ESTACIÓN DE AUTOBUSES
O alcalde explicou que a Xunta enviará ao Concello un protocolo de colaboración co fin de facer unha actuación integral na terminal de buses de Pontevedra que podería incluír: a conexión peonil coa estación de tren, a conexión viaria coa avenida Josefina Arruti, a mellora do aparcamento de servizo da estación e unha rehabilitación integral do edificio da terminal.
"Quedan atrás as dúbidas e o pantasma de Monte Carrasco", subliñou Fernández Lores.
COMPOSTAXE
Falaron tamén da implementación da composta como sistema alternativo de recollida e tratamento de lixo. Neste caso abriríase unha nova vía de colaboración co Concello, porén o presidente da Xunta só deu luz verde a estudar unha posible colaboración.
SANEAMENTO DA RÍA
O responsable do goberno galego tamén expuxo ao alcalde a vontade da Xunta de acometer o saneamento da ría de Pontevedra a través dun investimento de 45 millóns de euros. Unha obra que cualificou de "difícil" porque é necesario construír un emisario submarino, mellorar a depuradora de Placeres e que implica aos concellos de Marín e de Poio. Xunto con isto, propuxo ao alcalde a incorporación efectiva do concello ao plan de vivendas baleiras.
A partir de agora dende a Alcaldía intensificaranse os contactos coas consellerías implicadas comezando polas de Política Territorial, Medio Ambiente e a Secretaría Xeral de Deportes.