A Xunta de Galicia presentará a partir da tarde deste xoves ao sector da hostalería unha liña específica de axudas que supoñerá achegas de entre 2.200 e 7.000 euros a todos os negocios afectados polo peche obrigado da actividade derivada das medidas para frear a expansión da covid-19.
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, deu a coñecer este xoves os detalles da proposta da Xunta, que agora se acordará co sector, e insistiu en que "a hostalería estaba cumprindo" as medidas acordadas polas autoridades sanitarias para frear a pandemia, pero "lamentablemente vímonos abocados a esta decisión" do peche durante un mes en 60 municipios galegos pola evolución epidemiolóxica.
As axudas propostas son 1.200 euros como complemento por cesamento de actividade, 1.000 euros polo peche en outubro, 1.000 euros polo peche en novembro e 4.000 por estar en ERTE desde marzo e por unha baixada media mensual de ingresos do 50%.
Desta forma, un autónomo cun negocio e sen empregados recibirá un mínimo de 2.200 euros e un autónomo que teña empregados poderá recibir ata 7.000. A diferenza dependerá do número de empregados e do número de meses pechados.
Segundo os datos facilitados por Feijóo, nestes 60 municipios poderán solicitar estas axudas aproximadamente 12.800 establecementos, os negocios de hostalería afectados polo peche. En toda Galicia son uns 21.000 establecementos.
De momento, a Xunta non fixou o total de orzamento que se destinarán a estas axudas, pero que, en todo caso, segundo Feijóo, será seguramente superior a 12 millóns de euros. O importe final das axudas dependerá da cantidade de negocios que soliciten a axuda. Poderán beneficiarse tanto os negocios que pechen agora por estas novas restricións como os que se viron afectados previamente o inicio da pandemia.
Feijóo insistiu en que a Xunta acordou o peche nestes 60 municipios con restricións especiais tamén en canto a mobilidade porque "o comité clíncio pediuno" e "as motivacións clínicas pesarán sobre as políticas mentras eu estea ao fronte dA Xunta".
O presidente galego tamén pediu a outras administracións que fagan as súas achegas e, desta forma, pide ao Goberno central que reduza o IVE turístico ao 4% e a todos os concellos que bonifiquen as taxas á hostalería durante este ano 2020.
Ademais, insiste en que estas axudas autonómicas son unha achega adicional ás que xa recibirá do Goberno central, pois o peche obrigado en novembro xera o dereito para aplicar un ERTE sen custo para o titular, con cargo á Seguridade Social.
LORES LAMENTA QUE SE "CRIMINALICE" AO SECTOR HOSTALEIRO
Horas antes desta comparecencia de Núñez Feijóo, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalaba o seu malestar porque as medidas restritivas aprobadas pola Xunta de Galicia contribuísen a "criminalizar" ao sector da hostalería e a restauración.
Fernández Lores considera que é "incomprensible" que as autoridades impidan comer ou cear nun restaurante e, ao mesmo tempo, póidase traballar ou ir ao colexio sen restricións.
Esta decisión, engadiu o rexedor pontevedrés, debe implicar unha "compensación económica" a un sector ao que, segundo dixo, "se lles impide traballar" e, en todo caso, estas axudas debe concedelas "quen tomou a decisión de pechalos".
Desde o Concello, segundo o alcalde, "xa veremos ata onde podemos chegar" para contribuír a que esta decisión sexa "o menos gravosa posible" para os afectados. A este respecto, o goberno municipal asegura que non descarta "ningunha posibilidade", entre elas a redución de taxas ou impostos.