O líder do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo acudirá o venres da próxima semana á sede da súa formación en Pontevedra para analizar en detalle os resultados electorais obtidos polos populares na provincia. Unha reunión prevista para este venres pero que foi atrasada por "motivos de axenda" xa que algúns alcaldes non podían acudir á cita.
Entre outros asuntos abordarase o novo escenario político aberto de cara á constitución dos diferentes gobernos locais e a toma de posesión dos alcaldes o día 13 de xuño.
O presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán, asegurou este xoves que o PP "debe estar atento a este novo escenario político" xurdido despois das eleccións do 24 de maio e que "non debe ser inmóbil ante esta situación".
Louzán dí que o PP "non debe ser inmóbil ante esta situación"
Entende que o inmobilismo "pode prexudicar máis a este partido no futuro" e mostrouse "seguro" de que a formación conservadora "vai realizar algún tipo de movemento", destacou.
Louzán sinalou que Galicia é unha "referencia neste sentido" porque temos un partido dinámico" que é "consciente" desta realidade.
Nunha rolda de prensa na Deputación Rafael Louzán respondeu ás preguntas formuladas polos xornalistas sobre o seu futuro político e o da súa formación, sinalando que "todos os que temos responsabilidade" no Partido Popular coinciden en que "imos ser consecuentes" co resultado que deparará o novo mapa de gobernos que poida saír despois do 13 de xuño. "Imos a reflexionar", continuou Rafael Louzán.
O mandatario popular engadiu que "terán que dimitir os que teñan que dimitir, e os que non deberán continuar, como calquera norma na vida".
No seu caso persoal, Louzán descartou a dimisión porque "quen lles fala non se presentou ás eleccións", xa que o sistema de elección das deputacións é indirecto. Ademais, destacou que o PP segue sendo o partido máis votado" na provincia de Pontevedra e tamén na Deputación, aínda que insistiu que "todos debemos ser conscientes de que os resultados non son os que o Partido Popular esperaba e o PP non debe ser inmóbil ante esta situación".
Rafael Louzán recordou o compromiso deste mércores cando anunciou que deixará a Deputación se PSOE e BNG chegan a un pacto de goberno.