O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañou este venres aos Instagrammers que están a peregrinar a Santiago de Compostela percorrendo o Camiño Portugués no marco do Xacobeo 2021-2022.
Fíxoo nun tramo que pasa por Caldas de Reis e, posteriormente, mantivo un encontro con eles: Gala González, Cristina Cerqueiras, Martiño Rivas e Xurxo Carreño.
Moda, tendencias, estilo de vida, humor, cinema, teatro... todo iso representan estes catro galegos que co seu talento e o seu carisma conquistaron catro millóns de persoas que seguen as súas contas, os seus traballos profesionais e as súas recomendacións. Agora durante catro días estes catro novos van converter en peregrinos e en guías para eses catro millóns de persoas que os seguen.
En total percorrerán preto de 75 quilómetros deste itinerario, en catro etapas (Redondela-Pontevedra, Pontevedra-Caldas de Reis, Caldas de Reis- Lestrove e Lestrove-Santiago) ata chegar á Praza do Obradoiro, acompañados por persoas vinculadas ao Camiño nos ámbitos da cultura, patrimonial ou de acollida.
O obxectivo principal de achegar a experiencia do Camiño a públicos a priori afastados da peregrinación e da cultura xacobea.
A Xunta quería chegar coa promoción do Xacobeo a todas partes e a todos os públicos. Así o fixo con Xoel López para a campaña de Camiña a Galicia e agora con estes catro influencers.