A Federación Castelao mantén o seu rexeitamento ao aparcadoiro de Montecelo por ser "escaso e de pago"

Pontevedra
11 de outubro 2024

Lembran que o novo aparcadoiro terá un prezo de oito euros ao día, mentres que unha leira-park ofrece a posibilidade de estacionar por 1,50 euros durante o mesmo tempo

Representantes da Federación Veciñal Castelao
Representantes da Federación Veciñal Castelao / Mónica Patxot

Representantes da Federación Castelao insistían este venres en manter a súa oposición ao novo aparcadoiro do Hospital Montecelo.

Juan Manuel Loureiro, presidente do colectivo, denunciaba os prezos do párking, que suporá un coste elevado para as persoas usuarias.

Sinalaba que actualmente se paga 1,5 euros por aparcar un día enteiro nun "leira-park" (espazos privados nos arredores do hospital), mentres que no novo aparcadoiro vai pagarse un euro cada hora e a tarifa diaria é de oito euros.

Alegan que o número de prazas é "escasísimo" xa que están previsto 892 aparcamentos e só o persoal de Montecelo supera as 2.200 persoas.

Expoñen que o estudo realizado sobre o aparcadoiro por parte do SERGAS xa expón que a media de tempo de pacientes en Montecelo se sitúa en tres horas.

"Pedimos máis prazas e que sexa gratuíto", manifestou o presidente da Federación Castelao.

José Luis López Carragal, presidente da Asociación de Veciños Santa María de Ponte Sampaio, mesmo chega a demandar que teñan unha zona de aparcadoiro especial reservado para a veciñanza da Canicouva e Ponte Sampaio ao tratarse de parroquias afastadas do centro urbano.

Desde a Federación manifestan a súa preocupación polo atraso das obras de Montecelo e pola intención do SERGAS de derivar pacientes a hospitais privados.

Trasladarán as súas queixas á plataforma SOS Sanidade coa intención de organizar protestas na rúa durante os vindeiros meses.

NOVAS INCORPORACIÓNS

Juan Manuel Loureiro definiu esta xornada como "día histórico" para a Federación Castelao pola incorporación de tres novos colectivos.

A asociación O Mirador de Monte Porreiro; a de San Bieito de Lérez e a de Santa María de Xeve intégranse na Federación, que chega xa ás 22 asociacións inscritas.

A Federación ten como obxectivo volver a unir a todas as asociacións que continúen activas e que, anos atrás, debido a división de pareceres constituíron outras Federacións veciñais.

Dentro dos seus obxectivos, a directiva da Federación está á espera de que o Concello lle indique que sucede co local da praza da Constitución, onde estaba situada a cafetería, para que se acometa o proxecto de rehabilitación que permita á Federación Castelao realizar actividades nese espazo. 

Afirman que desde antes das eleccións municipais, o Concello non lles trasladou información sobre este recinto que ía cederse á Federación.

PREMIOS COGAVE

Como todos os anos, a Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro, á que pertence á Federación Castelao, entregará os Premios Cogave.

Desde a federación pontevedresa decidiron entregarllo á escritora Fina Casalderrey como persoa física e á AFAPO, a Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demencias. 

Loureiro lembrou que Fina Casalderrey é veciña de Lérez e ademais unha "gran mestra e unha gran escritora". Destacou a pegada que a autora sempre deixa tanto entre escolares como na xente adulta.

Sobre Afapo destacou o "labor enorme" no terreo das enfermidades e dos servizos, "que ao mellor debería facer a Xunta", criticou.

Os premios serán entregados nunha gala que se celebrará en Lugo o 3 de novembro.