O Concello de Pontevedra vén de rematar o acondicionamento da senda do Lérez, na súa marxe esquerda, entre Bora e a avenida de Bos Aires coa reparación de todo o pavimento que discorre por debaixo da ponte das Palabras, no barrio de Monte Porreiro.
O concelleiro responsable de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda visitou este venres o remate destes traballos dos que xa pode gozar toda a cidadanía.
Tamén aproveitou para anunciar que no vindeiro mes comezará a reparación da senda de pescadores do lado dereito do río.
Xaquín Moreda explicou que os traballos consistiron na reparación da senda entre Bora e a avenida de Bos Aires cun contrato de preto de 40.000 euros. Fixéronse todo tipo de traballos de reparación dende a liberación das canles de auga, reparación de pavimentos, substitución de elementos de madeira en pasarelas e pasamáns... De feito, no tramo visitado esta mañá refíxose o pavimento "que estaba bastante deteriorado tamén se limpou o borde do noiro", explicou Moreda.
Lembrou que a actuación nos espazos públicos é unha prioridade neste mandato "e estamos dando pasos para que se cumpra".
O concelleiro anunciou que no vindeiro mes de febreiro comezará a reparación do sendeiro de pescadores da marxe dereita do río, entre a pasarela verde da Estación de bombeo (en Monte Porreiro) até a Illa das Esculturas.
Nese caso está previsto a canalización dos regatos de auga, reparación de elementos de madeira, eliminación de fochancas, entre outras actuacións brandas porque o lateral do río da parroquia de Lérez do río ten uso moito máis natural que o de Monte Porreiro.