O Concello de Cuntis ultima os detalles para a celebración dunha nova edición da Festa do Lacón con Grelos cun programa cheo de actividades para todos os públicos.
Este ano, a artista galega Fátima Pego, moi popular polas súas aparicións en diversos programas da Televisión de Galicia e pola súa faceta como cantante, será a encargada da lectura do pregón o domingo 9 de marzo ás 12:00 horas.
Con todo, a xornada arrincará ás 11:00 horas cos pasacalles da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis e a apertura da feira de artesanía e de produtos agroalimentarios, onde os visitantes poderán atopar produtos únicos e de calidade.
Seguidamente, celebrarase unha nova edición da mostra 'A camelia no lacón con grelos', unha exposición que combina a beleza das camelias coa tradición gastronómica.
Na Casa da Cultura, ademais, haberá unha exposición de encaixe a cargo das Palilleiras 'O lacón con grelo' e unha mostra de cerámica de Castrolandín.
As actividades continuarán cunha mostra de entroido tradicional, onde os asistentes poderán gozar da riqueza e diversidade do entroido galego.
Ao longo da mañá e durante a comida, unha charanga poñerá a nota musical e festiva á celebración.
Xa pola tarde, haberá un espectáculo infantil e atraccións para os máis pequenos, e ás 18.30 horas, unha actuación musical para todos os públicos.
A festa finalizará co Velorio do Chapante e o seu posterior enterro, unha tradición ancestral que simboliza o fin do Entroido e o inicio da coresma no municipio termal.