Fase final para as obras no colexio Froebel sen novos episodios de humidade

Pontevedra
09 de xaneiro 2025

César Pérez Ares, xefe territorial de Educación, visitaba este xoves o centro educativo pontevedrés e sinalaba que só quedaba pendente a conexión ao gas cidade. Tamén anunciaba o inicio das obras da ampliación da Escola de Educación Infantil Crespo Rivas

Patio interior coa cuberta reformada do Colexio Froebel
Patio interior coa cuberta reformada do Colexio Froebel / Mónica Patxot

O xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia en Pontevedra, César Pérez Ares, visitou este xoves o Colexio Froebel de Pontevedra, acompañado por María José Gómez, conselleira de Medio Rural, para presentar un programa de consumo de froita e leite entre a comunidade escolar.

Durante a visita, Pérez Ares destacou que as obras de mellora no centro están practicamente rematadas, situando o estado da reforma nun 97%.

Só resta a conexión ao gas cidade, pendente de que a empresa concesionaria presente a licenza correspondente no concello para acometer esta obra.

O xefe territorial expresou a súa satisfacción polo nivel de calidade acadado nas reformas, subliñando a ausencia de humidades na cuberta renovada,

O representante da Xunta apuntou a que estes días de chuvias intensas "comprobamos que efectivamente non hai ningún tipo de humidade, cousa que é moi importante", xa que antes das obras acometidas durante os últimos meses, o patio interior e os corredores laterais presentaban continuas filtracións de auga cando se rexistraban fortes precipitacións.

Tamén destacou a mellora lumínica do patio, que agora conta con nova iluminación eléctrica e unha mellor entrada de luz natural a un espazo que é empregado para múltiples actividades por parte do alumnado.

Corredores do CEIP Froebel tras a reforma
Corredores do CEIP Froebel tras a reformaMónica Patxot

Na fachada principal do colexio Froebel están a acometerse durante estes días as obras para crear dúas saídas de emerxencia ás instalacións do Arquivo Municipal do Concello de Pontevedra situado baixo o centro escolar.

Pérez Ares tamén anunciou o inicio inminente das obras de ampliación da Escola de Educación Infantil Crespo Rivas, cun investimento de 721.000 euros e un prazo de execución de cinco meses.

A ampliación engadirá 245 metros cadrados ao centro, incluíndo unha sala de usos múltiples, unha aula de desdobre, unha sala de profesores e cuartos de instalacións.