Xaquín Moreda, concelleiro de Memoria Histórica, avanzaba este venres a programación para o mes de novembro, o 'Mes da Memoria', e que se centrará na Pontevedra exiliada. A intención do goberno local non só é lembrar ás familias afectadas pola situación dramática do exilio senón tamén ofrecer unha perspectiva sobre a Pontevedra de comezos de século na que xurdiron outras iniciativas tanto culturais, artísticas, políticas como sociais. Entre estas grandes aparicións, citou Moreda, á Xeración Nós, coa publicación da Revista 'Nós'.
O xoves 5 de novembro ás 20.00 horas no Teatro Principal desenvolverase unha homenaxe ás familias pontevedresas que sufriron o exilio. Utilizarase a radio como elemento vencellante, principal elemento de comunicación para as persoas que foron acollidas en América do Sur. Participarán dúas netas de familias exiliadas, Elisabete Ares Licer, neta de Elisa Rosa Venda Pintos e a outra é Ana Paula Mejuto, que enviará un vídeo desde Buenos Aires, cidade á que emigrou a súa avoa Alejandra Nogueiras.
Tamén se editará unha publicación co percorrido das familias pontevedresas afectadas polo exilio cos casos de Castelao, Taffal, Arturo Souto, Leopoldo Nóvoa ou os Gama e os Magdalena, estas últimas familias de clase obreira.
O 12 de novembro vai levarse a cabo ás 19.00 horas a tradicional ofrenda floral aos 12 pontevedreses asasinados esa data en 1936. Será fronte ao monólito situado na pasarela Doce de Novembro, coa intervención de Begoña Caamaño, neta de Amancio Caamaño, un dos doce fusilados.
A película 'Nación'proxectarase o venres 20 ás 20.00 horas no Teatro Principal. A película dirixida por Margarita Ledo e rodada en Ponte Sampaio conta a historia da fábrica de louza 'A Pontesa' e das mulleres que alí traballaron.
O venres 27 inaugurarase un panel explicativo sobre Xosefina Arruti na rúa que leva o seu nome e tamén no Culturgal presentarase o cómic sobre a vida desta muller, unha obra realizada polo ilustrador Kiko Dasilva, que leva por título 'Os berros da motocicleta'.