Familias do Villa de Pitanxo: "isto parécese moito ao Alvia, ao Yak-42 e a Spanair, políticos que non asumen as súas responsabilidades"

Pontevedra
29 de xullo 2022

As familias dos 21 falecidos no Villa de Pitanxo desprazáronse este venres ata a Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Kevin González pregunta a Pedro Sánchez "que trata de ocultar? A quen trata de defender?" e fai un chamamento a empresas e particulares que teñan barcos que lles axuden cedendo un para os labores necesarios para baixar ao pecio do buque en Terranova

Familias do Villa de Pitanxo ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra
Familias do Villa de Pitanxo ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra / Mónica Patxot

As familias dos 21 falecidos no Villa de Pitanxo desprazáronse este venres ata a Subdelegación do Goberno en Pontevedra para ler un manifesto no que mostran o seu malestar co Goberno central de Pedro Sánchez por incumprir o seu compromiso de "facer todo o posible e o imposible" para investigar o ocorrido. A promesa fíxolla o presidente na noite do 21 de febreiro, cando os nove cadáveres si localizados en Terranova chegaron en avión a Santiago de Compostela, e case seis meses despois lémbranlle que "non cumpre o seu compromiso". 

Kevin González, fillo dun dos falecidos no naufraxio, leu o comunicado en nome das 21 familias dos falecidos no naufraxio, acompañado por unha pequena representación de familiares e dúas pancartas coas caras dos mariñeiros que non sobreviviron ao afundimento e coas súas reivindicacións. 

Tras ler o manifesto, Kevin González quixo manifestar, a título particular, que o que está a ocorrer co Villa de Pitanxo "parécese moito ao Alvia, parécese moito ao sinistro do Yak-42 e parécese moito ao accidente de Spanair". Fai esta comparación pedindo perdón ás familias dos sinistros, ocorridos e en Santiago de Compostela en 2013en Afganistán en 2003 y en Madrid en 2008, respectivamente

O parecido débese, segundo este familiar, a que en todos estes accidentes hai "políticos que non asumen as súas responsabilidades, que tratan de tapar e ocultar información, que culpan a terceiros e non asumen as súas responsabilidades".

Kevin González reprochou a Pedro Sánchez que incumprise as súas promesas  e considera que, a 17 días de que se cumpran seis meses do naufraxio, "a pregunta é clara: presidente Sánchez, que trata de ocultar? A quen trata de defender?". Ademais, avísalle de que "se está a tratar de ocultar algo e se está a tratar de defender a alguén, non o vai a conseguir  porque  as 21 familias non nos imos a cansar, pasen 1, 2, 9 ou 18 anos, como no caso do Yak-42". 

Este familiar tamén deu a coñecer que desde a Presidencia da Xunta de Galicia puxéronse en contacto con eles para informarlles da resposta que Pedro Sánchez deu ao presidente galego, Alfonso Rueda, na reunión que mantiveron en Moncloa.

O pasado 16 de xullo, as familias entregaron a Rueda unha carta dirixida a Sánchez e este xoves entregoulla. Como resposta, segundo Kevin González, o máximo mandatario español comunicoulle que "a menos que o pida un xuíz ou a CIAIM, non se vai a facer absolutamente nada". É xusto a mesma resposta que a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, trasladou o martes á representación das familias que se reuniu con ela en Madrid

As familias reprochan a Sánchez que non cumpre tampouco coa súa obrigación de investigar o naufraxio, "tal e como recolle o ordenamento español" e  lembran que un auto do Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional recolle que neste caso hai indicios claros de 21 delitos de homicidio por imprudencia e delitos graves contra a seguridade e saúde dos traballadores.

Insisten tamén na súa reiterada demanda de que o Goberno poña os medios necesarios para baixar ao pecio do Villa de Pitanxo, petición que as familias acompañan de informes técnicos que conclúen que é viable, seguro e legal. Ademais, lémbranlle que unha empresa de Noruega xa puxo ao dispor do Goberno para esta procura un sónar de varrido lateral e un robot para descender ao pecio e a Xunta de Galicia ofreceuse a trasladar eses aparellos desde Noruega a España.

"Aínda con todo, o Goberno de Sánchez non asume as súas obrigacións e di que se o pide un xuíz fano", critican e lembran que "a base do Estado español é a división de poderes e o presidente é o representante do poder executivo". Tras a lectura do manifesto, Kevin González sinalou que agora que dispoñen dos medios "o único que nos fai falta é un buque que poida tardar 15, 20, 30 días en realizar a viaxe  de ida e volta e as operacións de procura", de modo que "ás arcas do Estado suponlle ben pouco". 

Este familiar tamén aproveitou para facer unha petición, pois xa que o Goberno español non o realiza, solicitan a empresas privadas, a particulares, "a xente boa deste país ou doutros" que lles axude e presten un buque das dimensións indicadas para os labores de procura e de esclarecer os feitos. 

As familias insisten en que "a xente do mar non se merece isto, temos dereito como outros cidadáns españois a que se investigue" e quéixanse de que nunca se imaxinaron que, "coa falta de cumprimento da lei do Goberno e a súa falta de compromiso se contribúa a perpetuar as causas deste naufraxio". 

Na súa opinión, é  "penoso" que teñan que peregrinar a outros organismos supranacionais para instar accións que garantan os lexítimos dereitos como cidadáns españois e avisan de que "non lles caiba dúbida que faremos todo o necesario para que os 21 do Villa de Pitanxo poidan descansar en paz e con xustiza".