Familias do colexio de Marcón alertan do risco de caída de vehículos do despezamento á vía pública

Pontevedra
13 de marzo 2023

O Concello de Pontevedra reiterará a súa petición ante a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta de Galicia para que actúe nesta instalación ilegal situada no lugar de Vilafranca

Desguace ilegal en Marcón
Desguace ilegal en Marcón / Concello de Pontevedra

A xunta de Goberno local de Pontevedra fíxose eco este luns da preocupación expresada por algunhas familias de alumnos do Colexio Público de Marcón ante o risco de caída dos vehículos amontoados no despezamento á vía pública.

O Concello de Pontevedra reiterará a súa petición ante a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta de Galicia para que actúe nesta instalación ilegal situada no lugar de Vilafranca, na parroquia de Marcón. 

Trátase dun problema enquistado que se mantén desde 2006 sen que se rexistren avances e ocasionando problemas na contorna. 

O propio director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas, remitiu hai un ano unha carta á Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) do CEIP de Marcón na que explicaba que os propietarios interpuxeron un recurso contencioso-administrativo que supón novas dilacións no procedemento de execución forzosa da orde de demolición.

Jacobo Hortas naquela misiva aseguraba que é "consciente da preocupación xerada" na comunidade educativa de Marcón por estas instalacións e trasladáballes que a APLU"está procediendo al cumplimiento de una orden de demolición de nave industrial y obras auxiliares dictada ya en el año 2006 y que tuvo, y sigue teniendo, un largo recorrido judicial". 

Cabe lembrar que xa no ano 2012 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fallou que esta instalación "é incompatible co ordenamento urbanístico", polo que confirmou a firmeza da orde de demolición. 

A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías indicou que "é un tema que vén de lonxe, xa falamos moitas veces desta cuestión e tiñamos un compromiso coa APLU para solucionar este problema, ao sabermos que se puxeran en contacto cos responsábeis deste desguace ilegal". "Tiñan un prazo, en teoría, que remataba o 9 de xaneiro para facer efectiva a sentenza e desprazar estes vehículos e acondicionar o lugar. A situación segue igual, concedéuselles un novo prazo que non sabemos cando remata, pero está claro que seguimos nas mesmas".

A concelleira sinalou que "xa é unha cuestión que nos preocupa a todos, pero en especial ao alcalde, que mantivo conversas co responsábel da APLU para instarlle a que resolva esta problemática".