As familias das vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo continúan coa súa rolda de reunións para tentar esclarecer o caso do afundimento e solicitar apoios para que se baixe ata o pecio. Este martes mantiñan un encontro con representantes de Comisiones Obreras no edificio azul da Xunta de Galicia, en Benito Corbal.
Alí dábanse cita representantes das familias, entre os que se atopaban os do biólogo do barco, procedentes de Canarias. María José de Pazo volveu exercer de portavoz das familias e destacar a resposta que a embaixada de Canadá ofreceulles nas últimas horas sinalando que non hai impedimentos legais por parte do goberno canadense para que se poña en marcha un operativo que permita intervir no pecio situado en augas internacionais. "É unha investigación, un tema humanitario e un labor de xustiza", afirman que lles dixo a embaixadora Wendy Drukier.
Esta aseveración contradi o escrito que lles trasladou o delegado do Goberno, José Miñones, no que facía referencia a eses impedimentos legais de carácter internacional. "O que non se pode é fabricar obstáculos cando non os hai para poñer escusas", manifestou a portavoz das familias, preocupada porque se achegan os tres meses do afundimento do barco e non hai intención de que se estableza un operativo de investigación en Terranova.
"Nunca dixemos que baixasen condicionado a buscar os corpos", afirma María José de Pazo facendo referencia a que o maxistrado da Audiencia Nacional expuxo que había indicios claros de 21 homicidos imprudentes neste naufraxio. "O que hai é que baixar ao barco e buscar probas" e por iso demanda ao goberno que tome a iniciativa porque os meses de verán permiten poñer o operativo en marcha nesas augas. A representante das familias teme que a decisión xudicial se demore no tempo debido ao problema de competencia territorial que o Tribunal Supremo debe dilucidar para resolver que xulgado asume a causa. "Pode tardar entre dous e catro meses", explica a filla do xefe de máquinas do Villa de Pitanxo, de maneira que non se podería establecer o dispositivo durante este verán.
Lembra que especialistas técnicos recoñecen que é plausible baixar ata o barco para comprobar en que situación quedou o buque e analizar as causas do sinistro. "Buscamos a verdade e a xustiza, que é o que nos dá consolo e é o que busca a xente do mar, que nos di que será bo para todos. Se o Goberno non fai nada, vai estar sempre tinguido de vergoña", expón demandando que se destinen buques do Instituto Español de Oceanografía para realizar campañas a Terranova como outros anos, que poidan establecer un patrón para o operativo.
REUNIÓN CON REPRESENTANTES DE CCOO
María José de Pazo agradeceu que Comisiones Obreras puxésese en contacto coas familias e lembrou que no naufraxio faleceron 21 traballadores do mar. Neste mesmo sentido lamentou que outras centrais non se puxesen en contacto cos familiares: "botámolos de menos, eran os primeiros que deberían apoiar as familias"
Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO en Galicia, acudiu á cita acompañada por outros representantes do sindicato e manifestou que a súa intención é aproveitar a organización no seu ámbito estatal para abrir portas a estas familias. "Non entendemos esta incerteza en que os teñen", afirmou e, por este motivo, mostrou a súa intención de axudarlles a abrir as portas dos ministerios pertinentes para que se poida facer factible o operativo entre os meses de xuño e agosto co obxectivo de realizar a investigación.
Tamén trataron con eles temas relacionados coas axudas a laas familias e cuestións vinculadas ás pensións de orfandade ou de viuvez. Este venres 6 de maio, representantes das familias manterán un encontro en Santiago de Compostela coa Valedora do Pobo, María Dolores Fernández, para trasladarlle as súas demandas.