Falta de limpeza, fochancas e abandono, principais denuncias do PP ao visitar o barrio de San Roque

Pontevedra
18 de xaneiro 2024

Rafa Domínguez, portavoz popular, e o concelliero Iago Acuña mantiveron encontros coa asociación veciñal San Roque e culpan o goberno local de Pontevedra do "deterioro sustancial" deste barrio do centro da cidade. Piden máis contedores e papeleiras; a posta en valor das escaleiras centenarias da rúa Juan Villaverde Barcala; aumentar as beirarrúas en Irmáns Nodales e consensuar coa veciñanza a reforma de Almirante Matos sen eliminar prazas de aparcadoiro

Iago Acuña, do PP, observa unha fochanca no barrio de San Roque
Iago Acuña, do PP, observa unha fochanca no barrio de San Roque / PP de Pontevedra

O Partido Popular levará ao pleno ordinario deste mes de xaneiro, que se celebrará o vindeiro luns, a situación de "abandono" do barrio pontevedrés de San Roque

Rafa Domínguez, presidente do PP local e portavoz municipal da agrupación, e o concelleiro Iago Acuña mantiveron encontros con representantes da asociación veciñal San Roque para analizar as necesidades que se recollen neste espazo urbano coa intención de presentar unha proposición consensuada na sesión plenaria.

Segundo denuncian os populares, o investimento municipal foi "practicamente nula" durante os últimos anos en San Roque. Acusan o goberno local de "falta de preocupación" por esta zona que, nos últimos tempos, incrementou os problemas en toda a contorna da Moureira.

Sinalan que as actuacións máis urxentes céntranse en mellorar a limpeza xeral, debido á escaseza de contedores e de papeleiras, e poñer en valor as escaleiras centenarias da rúa Juan Villaverde Barcala, que presenta malas herbas en toda a contorna. 

Ademais, Iago Acuña reclama que se chegue a un acordo coa veciñanza para afrontar a reforma de Almirante Matos sen eliminar prazas de aparcamento; ademais de ampliar as beirarrúas en Irmáns Nodais.

En canto á Ribeira dos Gafos, o PP acusa o Concello de incumprir coas obrigas de conservación ao observarse "fochancas de gran tamaño na estrada, que os condutores teñen que sorteala para non picar unha roda; e un parque infantil cheo de maleza".

Tamén denuncian a falta de limpeza e coidado na contorna da Praza de Touros e no Monumento aos Navegantes da Alameda.