Denuncian a falta da ambulancia medicalizada no incendio do Grove por facer traslados entre hospitais

O Salnés
13 de novembro 2024
Actualizado: 13:59

Os representantes sindicais critican que a primeira asistencia e traslado das vítimas fora realizada por unha ambulancia básica, mentres a UVI Móbil estaba nun servizo que cualifican de "chorrada"

Ambulancias medicalizadas
Ambulancias medicalizadas / SERGAS - Arquivo

Fontes sindicais e persoal sanitario denuncian que a ambulancia medicalizada (UVI Móbil do 061) non estivo dispoñible durante o incendio que se produciu na noite do martes no Grove, onde unha muller faleceu e cinco persoas resultaron feridas, unha delas tendo que ser ingresada na UCI do Hospital Montecelo.

Segundo estas fontes que se puxeron en contacto con PontevedraViva, a ambulancia estaba ocupada realizando un traslado entre hospitais, deixando a estas persoas desatendidas nunha situación de emerxencia.

Os sindicatos critican que a primeira asistencia e traslado das vítimas foi realizada por unha ambulancia básica, mentres a UVI Móbil estaba ocupada nun servizo entre hospitais, quedando unha ambulancia parada na porta do Hospital do Salnés.

Este problema, lembran, remóntase a meses atrás cando a ambulancia medicalizada do 061, con base no Hospital do Salnés, comezou a ser utilizada para traslados de pacientes non críticos entre hospitais.

Persoal sanitario do distrito do Salnés xa alertara en setembro sobre esta situación, cualificada de "desafortunada", que foi adoptada pola xerencia do SERGAS e 061 na comarca.

A ambulancia medicalizada, que se incorporou en 2019 para atender urxencias que requiren soporte vital avanzado, está agora a realizar maioritariamente traslados de pacientes non críticos.

Alertan de que esta situación actual reduce a súa dispoñibilidade para emerxencias graves na comarca, como a que se producía no incendio na rúa Viña de Millán, no Grove, con fatal resultado

A denuncia subliña a urxente necesidade de revisar a xestión dos recursos sanitarios para garantir a atención adecuada e inmediata en situacións de emerxencia na comarca do Salnés.