Pasados máis de dous meses de confinamento, o concurso de debuxo infantil online 'O que ves desde a túa xanela', convocado pola Deputación de Pontevedra para que os cativos vivisen dun xeito máis levadío a estadía na casa, xa ten gañadores.
Previo o anuncio da súa decisión, o xurado do certame quixo destacar a calidade e variedade dos debuxos presentados e que todos "transmitían positivismo, alegría e cor", feito que fixo moi difícil a elección final, na que se valorou especialmente a orixinalidade e a calidade.
A proposta do concurso era debuxar as paisaxes que os nenos vían dende as súas fiestras ou balcóns durante o illamento, así como aqueles lugares da provincia aos que lles gustaría volver.
Na primeira categoría, de 3 a 6 anos de idade, o gañador foi Carlos Castro García, de seis anos e do concello de Redondela. O xurado valorou que presentase un debuxo moi ben executado tendo en conta a súa idade e ao que incorporou diversos elementos característicos das Rías Baixas. Carlos recibirá como premio unha visita guiada polo Castelo de Soutomaior e poderá participar no xogo "Detectives no Castelo", en compañía da súa familia.
Na segunda categoría, de 7 a 11 anos, resultou premiada Martina Contreras Lorenzo, de 11 anos e veciña de Vigo, da que o xurado subliñou o detalle do seu debuxo, no que empregou diversas técnicas, o realismo da perspectiva e o nivel de detalle. O seu premio será unha visita guiada polo Castelo de Soutomaior coa súa familia.
E, por último, o alto nivel dos traballos da terceira categoría (de 12 a 14 anos) motivou que o tribunal decidise como máis xusta a selección de dous premiados, que poderán gozar xunto á súa familia dunha experiencia pola Ruta do Viño Rías Baixas.
Trátase de Manuel Lemos Peixoto, de 13 anos e de Nigrán, que reproduciu con realismo o que ve desde a súa fiestra e do que o xurado destacou "o nivel de detalle, con gran calidade de trazo e proporcionalidade da perspectiva". E Adriana Eugenio Rivas, tamén de 13 anos e do Concello de Soutomaior, por un debuxo no que amosou a súa destreza na técnica da acuarela. O tribunal subliñou "a beleza dos trazos e o seu realismo".
O certame 'O que ves desde a túa xanela' deu continuidade ao convocado o pasado ano pola Deputación, 'Descubre a túa provincia', unha iniciativa que permitiu que os participantes amosasen a través das súas obras lugares emblemáticos da contorna e a súa riqueza turística. A novidade foi, amais da temática, que este ano a participación foi online, debido á situación derivada da COVID-19.
Os debuxos gañadores expoñeranse nunha galería na páxina web da institución provincial (www.depo.gal), xunto a outros traballos seleccionados.