Un home de 75 anos faleceu e dous familiares sobreviviron no naufraxio dun bateeiro na mañá deste xoves no Grove.
Ocorreu sobre as 8.30 horas cando o barco estas próximo á zona de Porto Meloxo e afundiu.
Trátase da embarcación auxiliar da batea "Hermanos Rey", segundo a información facilitada pola Garda Civil.
Un particular alertou ao 112 Galicia ás 9.30 horas indicando que había dúas persoas fóra da auga, sobre unha lancha, e unha persoa desaparecida. Pouco despois, foi rescatado da auga sen vida.
Resultou ser o patrón da embarcación, un home de 75 anos que ían no barco coa súa filla e os seu xenro. Os outros dous sobreviviron.
O corpo sen vida foi rescatado por un mariñeiro dun barco que presenciou os feitos e é mergullador. Tirouse á auga e sacou o cadáver da cabina. Logo, contou co apoio dun helicóptero da Xunta de Galicia, que rescatou o corpo do mar.
Cando esta persoa foi rescatada, a embarcación xa tiña a proa completamente ao sol, e a única forma de localizala era mediante a inmersión.
O corpo xa sen vida foi trasladado por outra embarcación, o "Nuevo Moldes", ao peirao para continuar co procedemento habitual de recoñecemento e identificación.
Os dous sobreviventes foron trasladados a porto noutro barco, o "Polaris", e despois ao centro de saúde da localidade para someterse a unha valoración médica.
Fisicamente, presentaban un bo estado, pero, segundo o 112, posiblemente, necesiten axuda especializada.
Segundo informaron fontes coñecedoras da situación, a carga da embarcación correu, o patrón quedou enganchado e foi ao fondo co barco.
A este respecto, o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, apuntou a unha "mala estiba" da carga de mexillón que traían como a causa do afundimento do "Hermanos Rey".
As condicións climatolóxicas "eran das mellores" para traballar no sector bateeiro, polo que lamentou que a carga correra provocando o naufraxio.
Cacabelos destacou que o falecido era unha persoa "moi recoñecida e coñecida" no Grove, ao levar vinculada toda a súa vida ao sector mexilloeiro.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, até o lugar desprazáronse efectivos de Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, a Garda Civil, o GES de Sanxenxo, profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Policía Local e Protección Civil do Grove.
A embarcación é unha construción de madeira do ano 1991 de 13,5 metros de eslora.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, quixo trasladar as súas "condolencias á familia" do falecido neste naufraxio, "un accidente máis do mar, lamentablemente" cuxas causas aínda se están investigando.
Ademais, insistiu na "colaboración" nesta intervención da Garda Civil, a Policía Local do Grove, Salvamento Marítimo, Capitanía Marítima, "é dicir, todas as instancias que tiñan algún tipo de competencia" en caso de naufraxio. Insiste en esta cooperación "ante eses discursos de Estados errados" que afloran nos últimos tempos.