O sacerdote Vicente Cerdeiriña, párroco de San Salvador de Poio e da Virxe do Camiño de Pontevedra, finou este luns día 22 de xullo.
O seu funeral terá lugar este martes na Igrexa de San Salvador de Poio.
O velatorio será no Tanatorio de Poio (Sala 1) durante esta tarde e mañá martes habilitarase na igrexa de San Salvador, dende ás 10:30 horas ata o seu funeral que celebrarase ás 12:30.
Tamén será velado no seu domicilio de San Pedro de Orazo, na Estrada, onde recibirá sepultura no cemiterio parroquial.
Vicente Cerdeiriña Vázquez-Ulloa eran natural da Coruña, da rúa San Andrés, o lugar onde naceu e se criou, nunha familia cun pai dentista. Foi na cidade herculina onde sentiu que tiña que ser relixioso.
Estudou en Roma Teoloxía e Filosofía. Xa de regreso á terra, ordenouse sacerdote e déronlle o primeiro destino: estivo cinco anos na Estrada, e logo desembarcou en Pontevedra, na parroquia de San Bartolomé. Pronto o mandarían para Poio. Chegou con 34 anos.
Era un profundo galeguista sendo o primeiro párroco en oficiar liturxia en galego e mesmo logrou que un Noso Pai apareza gravado en pedra na Basílica del Pater Noster de Xerusalén.
Foi quen de xuntar 60 millóns de pesetas para construir a igrexa de San Salvador. "A min custoume un ril a igrexa" dicía e non falaba de broma xa que estaba trasplantado do ril "e boa parte do mal que tiven achácollo a toda esa loita". Tralo transplante pasou a residir no Mosteiro de San Xoán ata que mellorou e volveu vivir nunha casa de pedra chea de libros pegada á igrexa de "Poio pequeno".