Juan Muradas, concelleiro do PSOE en Marín durante oito mandatos, faleceu este sábado 29 de marzo, aos 72 anos.
Juan estaba afiliado ao PSOE desde 1987, e incorporouse ao goberno local da man do alcalde socialista José Manuel Pierres, acompañando despois a Antonio Santiago 'Toneco' e a Fran Veiga.
Foi membro da corporación de forma ininterrompida desde 1987 a 2019, e deputado provincial entre 2003 e 2011.
Precisamente Fran Veiga destaca que "os que tivemos a sorte de compartir con el parte da súa andaina política, lembrámolo como unha persoa moi leal cos seus compañeiros e co seu partido, sincero, próximo, familiar e cun extraordinario sentido do humor".
O actual portavoz do grupo municipal do PSOE, Manuel Pazos refírese a Muradas como "defensor sen concesións de Marín, do municipalismo, de pelexar por aquilo no que cría e por defendelo con vehemencia".
Ambos coinciden ao destacar que era "un orador excepcional e un opinador incansable" que estaba "sempre disposto a defender aos seus amigos, a aconsellalos e orientalos".
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, lembrou que Juan Muradas tiña "un carácter especial, nunca quixo a primeira liña, aínda que sempre estivo aí, como un fiel escudeiro en todas as etapas conformando equipos e defendendo sempre ao número un".
Durante moitos anos compaxinou o seu labor político co seu traballo como funcionario da Administración do Estado.
Os seus compañeiros na diferentes corporación das que formou parte trasladaron o pésame á súa muller Encarni, aos seus fillos Lucía e Pablo, e aos seus netos.