Falecen con covid-19 dúas mulleres de 90 e 88 anos que estaban ingresadas en Montecelo

Pontevedra
06 de marzo 2022

Con respecto á evolución epidemiolóxica da pandemia, as últimas 24 horas apenas supuxeron cambios no número de casos activos por coronavirus, que son 2.090. Son catro menos dos que se estaban rexistrados este sábado. Os novos contaxios foron 164

Hospital de Montecelo
Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumou dúas novas vítimas mortais asociadas á pandemia. Trátase de dúas mulleres de 90 e 88 anos, ambas con patoloxías previas, que faleceron o pasado venres no Hospital Montecelo.

Con elas, son xa 262 as persoas que morreron nesta área sanitaria tras contaxiarse coa covid-19, segundo reflicten as estatísticas do Servizo Galego de Saúde.

Con respecto á evolución epidemiolóxica da pandemia, as últimas 24 horas apenas supuxeron cambios no número de casos activos por coronavirus, que son 2.090. Son catro menos dos que se estaban rexistrados este sábado. Os novos contaxios foron 164.

Os ingresados nos tres hospitais de Pontevedra e Vilagarcía, pola súa banda, son 61, o que supón un lixeiro ascenso, dous máis, sobre os que estaban hospitalizados onte. Deles, catro atópanse na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo.

A maiores, atendidos en planta hai outras 57 persoas. Hai 54 en Montecelo e tres no Hospital do Salnés. Non hai ningún no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

O resto dos que contraeron o virus, outras 2.029 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e baixo supervisión médica, ao ser asintomáticos ou ter pouca sintomatoloxía.

Desde o inicio da pandemia 56.229 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 166 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 264 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 402.202, 300 nas últimas horas. A elas súmanse as 233.605 probas de antíxenos e outras 125.036 probas de detección da covid-19.

INCIDENCIA EN GALICIA

O número de casos de coronavirus en Galicia, pola súa banda, é de 17.107, 84 menos que o día anterior. Deles, 3.350 son da área da Coruña, 2.107 da de Lugo, 2.239 da de Ourense, 2.090 da de Pontevedra, 3.157 da de Vigo, 3.017 da de Santiago e 983 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 31 están en UCI, 395 en unidades de hospitalización e 16.597 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 486.485 persoas curadas, rexistrándose 3.125 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 3.714.754 probas PCR, 3.371 nas últimas 24 horas. Os novos casos abertos desde onte, que inclúen os autodiagnósticos con antígenos, foron 1.638.