A morte dunha muller de 93 anos sitúa en 259 o número de persoas falecidas co coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde o inicio da pandemia.
O Servizo Galego de Saúde informa que son 1.858 as persoas con infección activa de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra O Salnés, segundo a última actualización dos datos da pandemia feita este mércores 2 de marzo, son 55 menos que onte martes.
Nas últimas 24 horas curáronse 216 persoas e detectáronse 162 novos casos abertos.
O Sergas notifica este mércores que hai un total de 62 pacientes enfermos de covid-19 que están ingresados en planta de hospitalización, son 10 menos que onte. Son 55 (dez menos que onte) no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 1 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 6 (un menos) no Hospital do Salnés.
Hai 4 pacientes (un máis) en estado crítico na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo.
O resto dos que contraeron o virus, 1.792 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e baixo supervisión médica, ao ser asintomáticos ou ter pouca sintomatoloxía.
Desde o inicio do plan de continxencia pola pandemia curáronse 55.628 pacientes.
GALICIA
Segue a mellorar a situación do coronavirus en Galicia, cun descenso acumulado do 23,5% de luns a mércores esta semana. O número de 1.215 novos casos descende en 367 respecto a os do mércores pasado.
Os casos activos baixan a 16.109, un descenso de 756 infectados. Tamén baixa de 434 a 419 o número de persoas hospitalizadas, 145 menos que hai unha semana.
A incidencia a 14 días baixa 45 puntos a 797 e a incidencia a 7 días baixa 14 puntos ata os 330 casos por cada 100.000 habitantes.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 16.109 deles 3.202 son da área da Coruña, 2.007 da de Lugo, 1.876 da de Ourense, 1.858 da de Pontevedra, 3.232 da área de Vigo, 2.874 da de Santiago e 963 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 29 están en UCI, 390 en unidades de hospitalización e 15.690 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 480.510 persoas curadas, rexistrándose 3.111 falecementos.
Ademáis da muller falecida na área sanitaria de Pontevedra, o Sergas informou que o 28 de febreiro tamén faleceu un home de 82 anos, na área sanitaria de Vigo.
O número de PCR realizadas é de 3.701.894. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.533.585.