Sucédense as mortes con coronavirus na área sanitaria pola pandemia. Este luns hai que sumar a perda dunha muller de 81 anos que se atopaba ingresada no Hospital Montecelo. Segundo a Consellería de Sanidade contaba con outras enfermidades previas no seu historial clínico.
Trátase da vítima 226 nesta área sanitaria. A anterior rexistrouse este domingo, un home de 62 anos que faleceu tamén o Montecelo. A cifra de mortes segue incrementándose de maneira constante nesta zona sanitaria, desde hai dez días rexistráronse 12 decesos.
Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 23.244 pacientes, 67 máis que na xornada de onte, segundo información da xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Pero, ademais, a Consellería notifica outras sete mortes hoxe que se rexistraron nos últimos días e que Saúde Pública confirmou xa que en todos os casos atopábanse infectados. Destas sete mortes, seis rexistrábanse na área de Vigo.
O 23 de decembro falecía un home de 86 anos no Hospital Álvaro Cunqueiro (CHUVI), ao día seguinte, un home de 59 anos, no mesmo centro. O día 25 tamén perdían a vida dous homes de 74 e de 84 anos no Álvaro Cunqueiro e en Povisa. E o domingo 26, un home de 90 anos, en Povisa, e outro paciente de 82 anos, no CHUVI.
Todos contaban con patoloxías previas, segundo o Servizo Galego de Saúde, agás o home de 59 anos, que carecía doutras enfermidades graves no seu expediente médico. Tamén falecía o día 26 unha muller de 94 anos, no Hospital de Valdeorras. A Consellería de Sanidade non informa sobre se estes pacientes foran vacinados ao entender que se trata dunha cuestión de carácter privado.
Con estas oito mortes que se notifican este luns, Galicia alcanza a cifra de 2.753 persoas falecidas desde o inicio da pandemia.