Falece un traballador nun accidente laboral en Marcón

Pontevedra
14 de agosto 2024

O operario perdeu a vida ao caer dunha altura duns 20 metros mentres traballaba nunha nave situada no lugar de Pazos, arredor das 08.00 horas deste mércores. Os servizos de Urxencias Sanitarias achegáronse ata o lugar pero foi imposible reanimar a vítima.

Instalacións do servizo de Emerxencias 112 Galicia
Instalacións do servizo de Emerxencias 112 Galicia / Emerxencias 112 Galicia

Na mañá deste mércores, 14 de agosto, un operario perdeu a vida ao caer dunha altura duns 20 metros mentres traballaba nunha nave situada no lugar de Pazos, na parroquia pontevedresa de Marcón.

A vítima era de Mourente e tiña 46 anos, segundo fontes do Concello de Pontevedra. Traballaba para unha subcontrata de Hierros Durán.

O accidente, que ocorreu arredor das 08:00 horas, supón a segunda morte en Galicia por causas semellantes nas últimas horas.

Segundo informaron desde o 112 Galicia, o traballador, pertencente a unha empresa de reformas e servizos, subiu a unha estrutura elevada antes de sufrir a fatídica caída.

O aviso inicial chegou ao 112 desde Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazou unha dotación ao lugar, pero lamentablemente os esforzos por reanimar o operario resultaron inútiles.

Ante a gravidade do suceso, solicitouse a intervención das forzas da orde, incluíndo axentes da Policía Nacional e Local, para investigar o ocorrido e recoller toda a información pertinente.

Trátase dunha persoa moi coñecida na parroquia de Mourente, como indicaba o alcalde de Pontevedra, quen lamentou profundamente este tráxico accidente laboral.

O acto de despedida terá lugar no salón de actos do Tanatorio Pontevedra da funeraria San Marcos o xoves día 15 ás catro e media da tarde.

SEGUNDO ACCIDENTE LABORAL NAS ÚLTIMAS HORAS

Este tráxico incidente súmase ao falecemento doutro operario na xornada do martes en Santiago, en circunstancias similares, cando o traballador, natural de Marín, caía dunha altura de 10 metros, na estrada da Coruña, N-550, ao seu paso por Compostela.

home falecido neste accidente laboral, de 38 anos de idade, será enterrado este mércores no cemiterio municipal da Raña.

O funeral está previsto ás 17.30 horas no Templo Novo de Marín.