Falece un pontevedrés tras caer desde uns seis metros xunto a Ponte da Barca

Pontevedra
07 de xullo 2014

A vítima, que faleceu no acto, atopábase nas proximidades das escaleiras que baixan desde o lateral do colexio Doroteas á rúa Cruceiro. Por causas que se descoñecen, caeu ao baleiro desde o alto do muro. O seu corpo quedou nun saínte do muro, situado a uns dous metros da beirarrúa

Dispositivo desplegado trala caída dun home desde un muro na Barca
Dispositivo desplegado trala caída dun home desde un muro na Barca

Un veciño de Pontevedra faleceu este domingo tras precipitarse desde unha altura próxima aos seis metros nas inmediacións da Ponte da Barca. Ocorreu contra as nove e media da noite.

A vítima, que faleceu no acto, atopábase nas proximidades das escaleiras que baixan desde o lateral do colexio Doroteas á rúa Cruceiro. Por causas que se descoñecen, caeu ao baleiro desde o alto do muro. O seu corpo quedou nun saínte do muro, situado a uns dous metros da beirarrúa.

Segundo varias testemuñas presenciales, o home non se atopaba en bo estado e estivera vomitando antes do accidente. De feito, un deles asegura que chegou a tombarse no bordo do muro, o que podería ter provocado a posterior caída.

Para rescatar o corpo, os Bombeiros de Pontevedra tiveron que subir ata a zona e baixalo nunha padiola. Os sanitarios que responderan á chamada de urxencia xa non puideron facer nada pola súa vida.

Ás inmediacións do accidente acudiron tamén efectivos da Policía Local e da Policía Nacional. Chegaron a acordoar toda a beirarrúa dereita da Ponte da Barca, para evitar que os curiosos que se apiñaban nas inmediacións da ponte se achegasen á zona