Un home de 88 anos de idade, veciño de Pontevedra, falecía este martes ao redor das 14.30 horas na praia de Portomaior, no municipio de Bueu.
Segundo a información facilitada polo servizo de Emerxencias do 112 Galicia, un particular chamaba a este centro solicitando axuda e asistencia para un home de avanzada idade que se sentiu indisposto mentres nadaba. As persoas que se atopaban na praia lograron sacalo da auga en estado de inconsciencia.
Desde o 112 Galicia trasladouse a alerta ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia do 061. Cando chegaron os efectivos sanitarios ata o areal só puideron confirmar o falecemento deste veciño de Pontevedra.
Axentes da Policía Local de Bueu, da Garda Civil e efectivos de Protección Civil da localidade foron avisados tamén do suceso.
Polo momento descoñécense as causas do pasamento desta persoa, segundo o 112.