Falece un mariñeiro tras caer ao mar en Raxó

Poio
13 de febreiro 2024

Segundo informou a Policía Local de Poio, o suceso ocorreu cando este home e o seu compañeiro caeron á auga desde a pequena embarcación na que se atopaban

Servizos de emerxencia en Raxó
Servizos de emerxencia en Raxó / Policía Local de Poio

Un mariñeiro faleceu este martes ao caer ao mar.

Segundo informou a Policía Local de Poio, o suceso ocorreu cando este home e o seu compañeiro caeron á auga desde a pequena embarcación na que se atopaban.

Outros mariñeiros que se atopaban na zona acudiron no seu auxilio. 

O compañeiro salvouse a nado pero el non o conseguiu. Tras sacarlle da auga tentaron reanimalo sen éxito.

O falecido e un veciño de Raxó de 73 anos, o home que saiu ileso ten 69 e é veciño de Dorrón, en Sanxenxo.

Este accidente tivo lugar en Punta de Bois, entre Raxó e A Granxa.

A Garda Civil informou que ás 18:51 horas, recibiuse o aviso por envorco dunha embarcación. Entón montouse un dispositivo de busca con servizo marítimo, patrullas por terra, Salvamar, entre outros medios.

Desde a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviaron ata o porto de Raxó unha ambulancia de soporte vital básico e outra de soporte vital avanzado, que certificaron o falecemento do home.