Falece un home de 76 anos nunha colisión entre dous vehículos na variante de Caldas

Umia
14 de marzo 2014

Dúas persoas resultaron tamén feridas como consecuencia da colisión entre dous vehículos no quilómetro 98 da Nacional 550, na circunvalación á altura do desvío cara Santiago de Compostela

Unha persoa faleceu nun grave accidente de tráfico que se produciu contra as 16:15 horas deste venres 14 no quilómetro 98 do Nacional 550 no vial de circunvalación de Caldas de Reis á altura do desvío cara a Santiago de Compostela. Debido ao accidente procedeuse ao corte deste vial tamén coñecido como Variante norte dende as 16:15 ata as 18:20 horas e producíronse retencións en ambos os dous sentidos con colapso de tráfico no centro de Caldas.

Segundo fontes do Servizo de Emerxencias do 112, o sinistro foi como consecuencia da colisión entre un Citroen Xsara e un Kia Ceed que provocou o falecemento do único ocupante do Xsara, un home de 76 anos, J.R.B., veciño de Vigo. Os dous ocupantes do Kia, veciños de Oleiros (A Coruña) resultaron feridos de diversa consideración, un deles é un menor de idade e o outro é un home de 37 anos. Os dous feridos foron trasladados ao Hospital Domínguez en Pontevedra.

Ata o lugar do accidente trasladáronse os Bombeiros do Salnés para intentar excarcerar á vítima mortal que se atopaba atrapada no interior do vehículo, ademais de dotacións da Garda Civil de Tráfico e membros de Protección Civil das Agrupacións de Caldas e de Cuntis, ao igual que dispositivos de Urxencias Médicas. O Helicóptero do 112 tamén se desprazou ata Caldas para o traslado de feridos, sen que finalmente foran necesarios os seus servizos. Os operarios de Protección Civil de Caldas y de Cuntis levaron a cabo os labores de limpeza da estrada, unha vez que se procedeu ao levantamento do cadáver e se retiraron os vehículos da calzada.