Falece Paco Fernández, presidente de Cáritas de Arousa durante 16 anos

O Salnés
13 de abril 2021

Natural de Fene, Ferrol, Francisco Jesús Fernández Rodríguez contaba con 67 anos de idade e desenvolvera a súa vida profesional na Mariña, como militar de carreira. O seu último destino foi a Comandancia de Vilagarcía. O seu corpo foi encontrado sen vida no parque do Carreirón por onde paseaba con frecuencia. O alcalde da vila Alberto Varela trasladou o seu pesar

Paco Fernández, presidente de Cáritas de Vilagarcía
Paco Fernández, presidente de Cáritas de Vilagarcía / Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela

Francisco Jesús Fernández Rodríguez, coñecido popularmente como Paco, o de Cáritas, falecía nas últimas horas aos 67 anos de idade. Este coñecido veciño de Vilagarcía exerceu durante os últimos 16 anos como presidente de Cáritas Interparroquial de Arousa.

Tratábase dun home de grandes e fortes conviccións, ademais de gran humanidade, segundo manifestan desde Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, que traslada as súas condolencias á súa muller e aos seus dous fillos.

O corpo de Paco Fernández era atopado sen vida no parque do Carreirón á que acudía con frecuencia para dar paseos e sentirse próximo á contorna natural. O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, lamenta o enorme baleiro que deixa este home que ocupaba o cargo á fronte de Cáritas de Arousa desde 2005 e transmite o pesar do  Concello vilagarcián. 

Natural de Fene, en Ferrol, desenvolvera a súa vida profesional na Mariña, como militar de carreira. e o seu último destino foi a Comandancia de Vilagarcía. A concelleira de Servizos Sociais, Tania García, afirma que, ademais dunha longa amizade, mantiña unha intensa relación profesional con Paco Fernández a través do protocolo de colaboración do  Concello coas organizacións non gobernamentais. "Váisenos un dos mellores, un home que tanto deu e fixo por axudar os máis desfavorecidos", asegurou a concelleira.