Falece o recoñecido xornalista Javier Sánchez de Dios aos 78 anos

Pontevedra
03 de setembro 2024

Natural de Tui era licenciado en Dereito e xornalista e analista político que traballou en numerosos medios de comunicación. Recibíu o Premio Cidade de Pontevedra de Xornalismo e a Insignia de Ouro de Tui. Tamén foi galardoado co Permio José Luis Alvite 2022 e logrou a medalla Castelao 2022

Javier Sánchez de Dios con Alfonso Rueda na recepción da Medalla Castelao
Javier Sánchez de Dios con Alfonso Rueda na recepción da Medalla Castelao / Xunta de Galicia

Nas últimas horas falecía o xornalista e analista político Javier Sánchez de Dios (Tui, 1946).

Licenciado en Dereito, Sánchez de Dios comezou a súa carreira xornalística en 1972 como colaborador no Faro de Vigo, onde se fixo cargo dunha sección diaria de opinión sobre política internacional titulada "Prisma del Mundo".

A partir de aí, a súa traxectoria no xornal foi ascendente, pasando por diversas seccións como Local, Peche e Nacional, e chegando a ser responsable da sección Nacional en 1974.

Máis adiante, desempeñouse como delegado do Faro de Vigo en Pontevedra, redactor xefe e subdirector, labor que compaxinou durante un tempo coa súa colaboración nos servizos informativos de Radio Pontevedra

Posteriormente, baixo o pseudónimo "Paco Vedra", escribíu a sección "Cuatro Cosas", que se publicou ininterrompidamente durante máis de 44 anos no Faro de Vigo, e que lle valeu un dos premios Galicia de Comunicación.

Javier Sánchez de Dios tamén foi un dos fundadores do Xornal Diario de Pontevedra e colaborou con diferentes emisoras de radio, como Cadena SER Pontevedra, Onda Cero, Punto Radio e Radio Líder, da cal chegou a ser director xeral.

Ao longo da súa carreira, recibiu numerosos galardóns que avalan o seu labor xornalístico, entre os que destacan tres premios Galicia de Comunicación, o Premio Cidade de Pontevedra de Xornalismo e a Medalla Castelao 2022, entregada polo presidente da Xunta, Salfonso Rueda.

A súa cidade natal, Tui, concedeulle a Insignia de Ouro en recoñecemento á súa contribución ao xornalismo e á cultura.

Ademais, foi autor de varios libros, como "Catro cousas e algo máis" e "Círculo mágico", onde recolleu parte da súa prolífica produción escrita. 

Tamén foi galardoado co Premio José Luis Alvite en 2022, reafirmando a súa posición como un dos referentes do xornalismo en Galicia.

A morte de Sánchez de Dios deixa un baleiro no xornalismo galego, onde sempre será lembrado pola súa habilidade para analizar a realidade política e social con rigor e contundencia e un estilo moi persoal dotado frecuentemente dunha gran dose de acidez e ironía.

O velorio realízase no Tanatorio Pontevedra, sala 3, de San Marcos, e o funeral será este xoves 5 de setembro ás 10.30 horas na Igrexa Virxe do Camiño de Pontevedra.