Falece Magín Froiz aos 78 anos

Pontevedra
10 de marzo 2022
Actualizado: 19:22

O coñecido empresario pontevedrés, fundador do grupo Distribuciones Froiz, falecía este xoves 10 de marzo arredor das 12.00 horas no Hospital Montecelo, onde se atopaba ingresado para tratar o cancro que se lle diagnosticara meses atrás. A enfermidade complicouse provocando diversas patoloxías que finalmente provocaron o fatal desenlace

Magín Froiz
Magín Froiz / Mónica Patxot

Magín Froiz, propietario e fundador do grupo Distribuciones Froiz, faleceu en Pontevedra aos 78 anos de idade.

Fontes próximas á familia confirmaron que o empresario morreu no Hospital Montecelo, onde estaba a ser tratado dunha enfermidade que padecía desde hai tempo.

Magín Alfredo Froiz Planes perdía a vida este xoves 10 de marzo ao redor das 12.00 horas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Atopábase ingresado para tratar o cancro que se lle diagnosticou meses atrás. A enfermidade complicouse con metástase provocando diversas patoloxías pulmonares e cardíacas, que finalmente causaron o fatal desenlace.

Magín Froiz nacera en 1943 e era natural de Barbastro en Huesca. De pequeno trasladouse coa súa familia a Pontevedra, cidade onde comezou a súa actividade profesional axudando no negocio familiar na carnicería situada no Mercado de Abastos.

Con 24 anos adquiría un supermercado en Cobián Roffignac, no que realizaba tamén traballos como carniceiro, comezando en 1968 o inicio da cadea de Supermercados Froiz, que ao longo da década dos 90 foi expandíndose por toda Galicia e por distintos puntos de Portugal, Castela e León; e posteriormente por Castela-A Mancha e na comunidade de Madrid.

Baixo a súa dirección atopábanse máis de 300 establecementos e máis de 6.000 persoas empregadas. Sempre se caracterizou por ter un trato moi próximo co persoal e por facer seguimento da actividade empresarial do mesmo xeito que se mantivo sempre moi unido á familia que formou coa súa muller Pepa, con quen tivo tres fillos, Antonio, José e Braulia.

Magín Froiz, que residía en Poio, tamén se caracterizou pola súa afección ao deporte e, grazas ao seu empeño, puxo en marcha o Grupo Deportivo Froiz, de ciclismo. Tamén era amante do piragüismo e non dubidou en acompañar ao campión David Cal nunha xornada de retirada de lodo nas inmediacións do Club Náutico no ano 2015. 

MEDALLA AO MÉRITO AO TRABALLO

Mariano Rajoy, como presidente do Goberno de España, entregáballe no ano 2017 a Medalla ao Mérito ao Traballo nun acto celebrado na Moncloa pola "conduta socialmente útil e exemplar no desempeño dos deberes que impón o exercicio de calquera traballo, profesión ou servizo"

As mostras de pesar pola súa perda non se fixeron esperar ante a tráxica noticia. Unha empregada do Hipermercado Froiz de Pontevedra, situado no mesmo lugar que a tenda que deu orixe ao Grupo Froiz, púxose en contacto con PontevedraViva para "manifestar publicamente en nome de todos os seus traballadores do equipo de Cobián Roffignac o seu pesar, agarimo e recordo". Neste centro mantéñense traballadores con máis de 30 anos de traxectoria na empresa e que, entre bágoas, continuaban coa súa xornada laboral porque, aseguran, "é a mellor maneira de renderlle homenaxe".

Desde a empresa, a través dun comunicado oficial, trasladan que "o empresario permaneceu activo ata o último momento e a súa presenza era diaria nas instalacións de grupo Froiz en Lourido, Poio. Considerouse sempre "un tendeiro" e dedicou toda a súa vida profesional ao servizo e atención aos clientes, traballadores e provedores. "Hai que servir o cliente e servilo ben -todos os días- pois só deste xeito gozaremos co traballo, co traballo ben feito". "Trátase de tentar facer as cousa hoxe un pouquiño mellor que onte e xerar, se é posible, máis emprego e riqueza na nosa contorna".

Engaden tamén que "Magín Alfredo Froiz Planes destacou sempre pola súa gran calidade humana, xenerosidade e sinxeleza. De fortes valores, estivo sempre comprometido, de maneira discreta, con diferentes entidades e causas de índole social. Foi un gran amante do deporte, e apaixonado do ciclismo e a vela".

Entre os seus múltiples recoñecementos públicos destacan os seguintes: 

• 2017: Medalla de ouro ao mérito no Traballo. Goberno de España.
• 2015: Premio Familia Empresaria de Galicia. Asociación galega da Empresa Familiar.
• 2013: Premio honorífico AJE (Asociación Jóvenes Empresarios) de Pontevedra
• 2012: Premio á mellor traxectoria empresarial. Grupo Unidad Editorial.
• 2012. Premio Autónomo Distinguido. APE Galicia (Asociación Autónomos e pequenas empresas de Galicia).
• 2011. Premio Federación Veciños Boa Vila de Pontevedra.
• 2010. Premio AEMPE. Asociación Empresarios pequena e mediana empresa da provincia de Pontevedra.
• 2008: Premio Pontevedrés do Ano. Grupo El Progreso-Diario de Pontevedra.
• 2008: Medalla de ouro da provincia. Deputación de Pontevedra
• 1999: Medalla de ouro. Fundación Roteiros do  Románico.
• 1998: Premios As Voces do Ano, outorgado polo Grupo Voz.
• 1996. Premio Ciudad de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
• 1996. Premio Mellor Empresario de Galicia. Fundación Semana Verde de Galicia.

NON SE RECIBE DÓ 

O funeral de Magín Froiz será este venres 11 ás 18.00 horas na Igrexa de San Salvador de Poio. A inhumación vai realizarse na estrita intimidade familiar e non se recibe dó.

Habilitouse unha conta de correo electrónico [email protected] para todas aquelas persoas que queiran transmitir o seu pésame a familiares e amizades.