Falece Juan Soto, referente da solidariedade galego-cubana e da defensa do patrimonio

Cerdedo-Cotobade
08 de xaneiro 2025
Actualizado: 11:52

Juan Soto foi fundador e presidente de Amigos de Cuba de Pontevedra e un dos integrantes do colectivo de defensa do patrimonio Capitán Gosende

Juan Soto
Juan Soto / Calros Solla

Na mañá do martes 7 de xaneiro de 2025 produciuse o pasamento de Juan Soto Vidal, unha figura destacada do activismo social e cultural galego, que deixa un importante legado de compromiso e solidariedade.

Juan Soto destacou como militante excepcional da Solidariedade Galega con Cuba, sendo fundador e presidente de Amigos de Cuba de Pontevedra.

O seu labor na organización de actividades solidarias e a súa loita contra o bloqueo e pola soberanía de Cuba foron algúns dos seus principais eixos de actuación.

Ademais do seu vínculo coa causa cubana a través da Asociación de Amizade Galego-Cubana "Francisco Villamil", Soto foi un activo membro do colectivo de defensa do patrimonio Capitán Gosende, colectivo que lidera Calros Solla, onde desenvolveu un importante labor na preservación e posta en valor do patrimonio histórico e cultural.

"O seu legado de dignidade e compromiso é inmenso", sinalou Calros Solla, colaborador de PontevedraViva, nas redes sociais, comprometéndose a continuar co labor iniciado por Soto.

Xosé Castro, do Ateneo Moaña, lembrou a Soto como "un extraordinario ser humano" e un "combatente e activo militante das causas máis lúcidas".

Destacou o seu papel na defensa da cultura, a memoria, o patrimonio histórico e a natureza, así como a súa capacidade para animar aos compañeiros nos momentos difíciles "coa súa palabra fraterna e o seu sorriso e retranca insuperábel".

O seu falecemento inesperado causou unha fonda conmoción entre os múltiples colectivos nos que participaba, que destacan unanimemente o seu compromiso inquebrantable coas causas sociais.