Falece en Poio o histórico militante socialista Celso García de la Riega

Poio
25 de xullo 2015

Tiña 99 anos e era o militante do PSOE máis antigo de España. En setembro tería cumprido os 100 anos. O seu corpo será velado no Tanatorio de Poio ata as 20:00 horas deste sábado

Gómez Besteiro homenaxea a Celso García de la Riega, o militante socialista máis antigo
Gómez Besteiro homenaxea a Celso García de la Riega, o militante socialista máis antigo / PSdeG

Tiña 99 anos e en setembro tería chegado aos 100. Celso García de la Riega faleceu este venres na residencia de maiores de Poio.

O histórico militante do Partido Socialista, o máis antigo de España, era ademais neto do historiador Celso García de la Riega, pai da teoría do Colón Gallego.

De la Riega militaba no Partido Socialista dende o ano 1936, cando tiña os 20 anos, vivindo toda unha historia na que superou momentos moi complicados, en especial durante a Guerra Civil e a posguerra.

O seu corpo será velado no Tanatorio de Poio ata as 20:00 horas do sábado para posteriormente ser incinerado sen que se celebre funeral, por expreso desexo do falecido.

Este mesmo ano, no mes de abril, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, rendera unha homenaxe a De la Riega, a quen visitou na residencia de maiores.