Non podía haber un desenlace peor para o incendio rexistrado o pasado domingo nas naves de Pontesa. Benito González Dopazo, o operario de 59 anos que resultou grave no sinistro, faleceu esta madrugada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Levaba ingresado no hospital desde o mesmo domingo. Sufriu queimaduras de terceiro grao no 85% do seu corpo. Foi trasladado inicialmente a Montecelo, pero debido á súa gravidade foi rapidamente derivado á unidade de queimados do hospital coruñés.
A pesar dos esforzos do persoal médico e os especialistas que lle trataron, o traballador non logrou sobrevivir aos danos que lle provocaron as queimaduras.
A morte de Benito González foi moi sentida, especialmente, en Marín, localidade da que era orixinario. Concelleiro do PSdeG-PSOE na actual corporación, da que xa fora edil co socialista Fran Veiga como alcalde, sempre foi un home un implicado socialmente.
Técnico superior en pesca marítima, era natural de Santomé de Piñeiro. Foi presidente da comunidade de montes e fundador e delegado do equipo de fútbol veterano da parroquia.
Ademais, sempre estivo estado moi vinculado co sector educativo, xa que presidiu a ANPA do IES Chan do Monte de Marín durante dez anos e foi directivo de FANPA Pontevedra e de CONFAPA, a federación galega de asociacións de nais e pais.