Faláfeles con mexillóns gourmet Pescamar

Pontevedra
11 de marzo 2023

A serie de "A cociña gourmet en conserva" ofrécenos unha receita moi popular da gastronomía oriental, os faláfeles, na que imos aproveitar todas as propiedades do mexillón, un molusco caracterizado polo seu baixo contido en graxas e alta porcentaxe de proteínas

Faláfeles con salsa de iogur
Faláfeles con salsa de iogur / Freepik

Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos elaborar unha receita moi popular na gastronomía oriental, os faláfeles. Preparación típica dalgúns países de Oriente Próximo e Oriente Medio, similar a unha croqueta, pero de forma arredondada e elaborada cunha masa de garavanzos ou fabas, á que se lle engaden diversas especias. 

Para esta receita imos aproveitar todas as propiedades e o sabor do mexillón, un molusco altamente nutritivo grazas á súa achega en ferro, fósforo, vitamina B12 e omega 3. O seu baixo contido en graxas e alta porcentaxe de proteínas, convérteno nunha perfecta alternativa ás carnes vermellas.

Para preparar uns deliciosos Faláfeles con mexillóns gourmet Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:

- Para os faláfeles:

     - 1 lata de Mexillóns das Rías en escabeche con aceite de oliva gourmet Pescamar

     - 300 g de garavanzos

     - 1 cebola

     - 1 dente de allo

     - 1 cullerada de pirixel fresco

     - 1 cullerada de coandro fresco

     - 10 g de comiño moído

     - 5 g de lévedo químico

     - sal

     - pementa negra moída

     - 50 g de fariña de garavanzo

     - aceite de oliva

- Para a salsa de iogur:

     - 1 iogur natural tipo grego

     - zume de medio limón

     - cuarto dente de allo relado

     - 1 cullerada de aceite de oliva

     - sal

     - pementa

     - menta fresca picada

Elaboración dos faláfeles:

Poñemos os garavanzos a remollo 24 horas. Cumprido este tempo, escorrémolos e deixamos sobre papel secante ou un pano para que solten o resto de auga que poida quedarlles. 

A continuación, introducímolos no vaso do batedor xunto co dente de allo, a cebola, as follas de coandro e de pirixel, e o comiño moído. Trituramos. Engadimos o lévedo, salpementamos e dámoslle outro toque co batedor para que se mesturen todos os ingredientes.

Poñemos a masa sobre unha superficie lisa, formamos unha bóla, tapamos cun pano limpo e deixamos repousar na neveira durante 30 minutos.

Á parte, quitámoslle o líquido á lata de Mexillóns das Rías en escabeche con aceite de oliva gourmet Pescamar e picamos os mexillóns. Reservamos.

Pasados os 30 minutos de neveira, formamos coa masa pequenas bólas do tamaño dunha noz, esmagamos, colocamos en cada unha delas unha pequena parte de mexillóns e volvemos formar as pequenas bólas.

Nunha fonte estendemos a fariña de garavanzos e rebozamos nela cada bóla de faláfel.

Fritimos os faláfeles nunha tixola con abundante aceite quente ata que se douren por todos os lados. Retiramos a un prato con papel absorbente para que escorran ben o aceite.

Preparación da salsa de iogur: 

Nun cunco vertemos o iogur, a cullerada de aceite de oliva, o zume de medio limón, un chisco de menta picada, e sal e pementa ao gusto. Mesturamos axudándonos dunha culler.

Presentación:

Servimos as bólas de faláfel nunha bandexa e ao seu lado colocamos un cunco coa salsa de iogur.

En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.