O feminismo na política "é un melón que hai que abrir, xa que as políticas atopamos barreiras fóra, pero tamén dentro", sinala a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías.
E o "melón" abrirase o vindeiro martes 1 de abril, no segundo dos Faladoiros Feministas, o ciclo de debate que promove o Concello de Pontevedra no marco da programación municipal vencellada ao 8 de Marzo e que está guiada polo lema 'O feminismo mellora o mundo. Tamén para ti'.
O encontro Feminismo e Política reunirá a tres parlamentarias autonómicas de outros tantos partidos políticos que analizarán o papel que xogan as mulleres na política, a proxección que teñen e as críticas que reciben, os solos pegañentos que lastran o seu avance e os teitos de cristal que quedan por rachar.
Tamén falarán de ata que punto os seus compañeiros de partido considéranas (ou non) unha igual, como o feminismo cala e modela o ideario da súa formación ou se a sororidade transcende aos partidos.
As tres parlamentarias galegas que falarán das súas experiencias e analizarán a situación das mulleres na política son: Paloma Castro (PSOE), Olalla Rodil (BNG) e Raquel Arias (PP). Moderará a sesión a xornalista María Varela.
A charla-debate terá lugar na sala multiusos do Teatro Principal, o martes 1 de abril, ás 19.00 horas. A entrada é libre ata completar aforo.
Os Faladoiros Feministas 2025 abordan a consecución do principio de igualdade no mundo do Deporte, a Política e a Cultura e o impulso e cambios que o feminismo conseguiu nestes eidos.
O ciclo comezou o pasado mércores coa karateka Ruth Lorenzo Couso quen analizou, a partir da súa traxectoria persoal e deportiva, a situación das mulleres no deporte.