Que facer ante unha agresión sexual no lecer nocturno? O Concello prepara un protocolo de prevención e actuación

Pontevedra
04 de novembro 2024
Actualizado: 15:29

O obxectivo é crear espazos de lecer seguros para todas e todos, pois "malia que as máis das veces somos as mulleres as que sufrimos as violencias, o colectivo LGTBIQA+ tamén é obxecto de agresións"

Anabel Gulías, concelleira de Igualdade
Anabel Gulías, concelleira de Igualdade /

Que se pode facer ante un caso de violencia sexual nos espazos de lecer nocturno? A pregunta é habitual en distintos sectores da sociedade, tanto clientela como responsables dos locais, e o Concello está a traballar nun protocolo que axude a respondela. 

A concelleira de Igualdade de Pontevedra, Anabel Gulías, presentou este luns un borrador do futuro protocolo, que inclúe prevención, detección e actuación fronte a calquera violencia sexista.

O obxectivo é crear espazos de lecer seguros para todas e todos, pois, tal e como sinala Gulías, "malia que as máis das veces somos as mulleres as que sufrimos as violencias sexuais, hai persoas do colectivo LGTBIQA+ que son tamén obxecto desas agresións"

Segundo explicou a concelleira, búscase poñer o foco na normalización da violencia, pois "hai agresións máis leves -insultos, ataques verbais, bromas sexistas e machistas, empurróns...- que se perciben como normais e que son o xerme de situacións máis violentas".

Con este protocolo buscan ofrecer pautas comúns e compartidas respecto a como actuar fronte as agresións sexistas que faciliten unha resposta eficiente, rápida e eficaz que evite todo tipo de re-vitimización. 

Tamén van visibilizar e reafirmar o posicionamento da cidade, tanto das institucións como do movemento social e dos axentes de lecer nocturno, na loita contra a violencia sexual e sensibilizar os profesionais que traballan nos establecementos ou espazos de lecer nocturno para que poidan proporcionar unha resposta integral, garantindo a seguridade e protección da vítima.

Todas aquelas iniciativas e negocios que queiran poderán sumarse ao protocolo a través dun proceso de adhesión deseñado polo Concello. Será voluntaria e a clientela poderá saber se un negocio forma parte desta rede de seguridade porque estará identificada cunha imaxe e mensaxes informativas nos locais.

A adhesión implica un compromiso activo de rexeitamento e loita fronte as violencias sexistas.

De momento, trátase dun documento técnico que a semana pasada foi trasladado aos distintos grupos políticos na Comisión municipal de Igualdade e o vindeiro día 9 vaise presentar no Consello da Muller para a súa avaliación e presentación de posibles achegas.

Este borrador xa foi avaliado polo CIM e estará a disposición dos colectivos feministas de Pontevedra. Unha vez avaliado, darase a coñecer ao sector, comezando unha rolda informativa e de sensibilización que propicie a adhesión á iniciativa.

A partir de xaneiro comezará unha fase de formación do persoal implicado por parte de persoal técnico da área de Igualdade.