Sobre as seis e media da tarde saltaban todas as alarmas ao detectarse un incendio forestal no lugar de Santo Tomé de Nogueira en Meis.
Os servizos de extinción de incendios da Xunta de Galicia trasladáronse de inmediato á zona, sendo determinante a actuación dos helicópteros para sufocar as chamas que iniciaban un perigoso ascenso pola saia de Monte Castrove.
Dende o Ministerio de Medio Ambiente deuse orde de desprazar ata Meis ás Brigadas de Reforzo de Incendios Forestais, (BRIF) con base en Villamarín en Laza, Ourense.
Preocupaba especialmente o risco que supoñía o vento racheado que sopra con especial intensidade durante este luns ante esta gran masa forestal. Esta unidade helitransportada ten función de prestar apoio ás Comunidades Autónomas na loita contra incendios forestais. Finalmente non foi necesaria a súa intervención tras controlarse o lume en tempo record.
Na súa extinción participaron un axente forestal, seis brigadas, cinco motobombas, tres helicópteros y tres avións, apoiados por membros de Protección Civil de Meis. A Xunta non fixo unha estimación da superficie afectada.