O incendio iniciado na tarde do venres nos montes de Carballedo, en Cotobade, deuse por extinguido ás 9.50 horas deste domingo logo de arder 40 horas e arrasar con 54 hectáreas de arborado, segundo as estimacións provisionais. Xa se dera controlado ás 12.03 horas deste sábado tras 18 horas de tarefas de extnición.
Segundo a información facilitada pola Consellería de Medio Rural, o lume iniciouse ás 17.44 horas deste venres e antes de darse por extinguido traballaron na súa extinción seis axentes, 15 brigadas, nove motobombas, tres pas, sete helicópteros e catro avións.
O lume, o terceiro declarado en Cotobade nesta semana, deixou, ademais, un brigadista ferido. Un home que traballaba en tarefas de extinción na zona de A Chan, en Carballedo, sufriu un corte nunha perna que obrigou a que, coa axuda da Garda Civil, fora evacuado en ambulancia ao hospital.