Extinguido o incendio forestal de Caldas, primeiro do verán na bisbarra

Umia
29 de xuño 2013

Segundo informa Medio Rural o lume quedou controlado ás 21:40 horas e extinguido ás 4:00 da madrugada, despois de darse a alerta ás 16:24 horas da tarde do sábado. A superficie calcinada sitúase en 30 hectáreas de monte arborado na parroquia de Saiar

A tempada de incendios iniciouse na bisbarra cun lume no monte Xiabre, en Caldas de Reis, que se declarou ás 16:24 horas deste sábado, non quedando controlado ata as 21:40 horas e extinguido ata as 4:00 da madrugada, segundo informa a Consellería de Medio Rural.

As brigadas de extinción traballaron durante toda a tarde en reducir o efecto das lapas, que contaban con dous focos diferenciados na zona de Saiar, a poucos quilómetros da canteira.

Ata seis helicópteros, dous avións, dez brigadas e seis motobombas participáronse no dispositivo, que encontrou na aparición do vento un inimigo engadido á intensa calor dos últimos días.

As estimacións oficiais fixan a superficie afectada en 30 hectáreas de monte arborado na parroquia de Saiar.

O próximo luns 1 de xullo dá comezo oficialmente a tempada de alto perigo de incendios forestais, un período que se prolongará ata o 30 de setembro.

Arquivado en