A Deputación de Pontevedra presentou este xoves 10 de novembro os actos programados polo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación das Violencias contra as Mujeres, que nesta ocasión teñen como lema: 'Fronte ao negacionismo. Alianzas desde o feminismo'.
Esta presentación tivo lugar na capela do Convento de Santa Clara, adquirido polo Concello de Pontevedra. Unha elección que non é casual, segundo admitiu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que explicou que elixiron este antigo cenobio "porque as mulleres queriamos ocupar o espazo que nos foi negado e no que nos encarceraron en vida".
Carmela Silva lembrou que neste ano 2022 son 39 as mulleres asasinadas e que tamén hai 2 menores asasinados e outros 26 orfos pola violencia machista. Desde 2003, cando se empezaron a contabilizar os asasinatos machistas, e ata hoxe un total de 1.168 mulleres foron vítimas mortais por esta lacra e 49 menores foron asasinados.
Fronte a estes datos Carmela Silva advertiu que "seguimos escoitando mensaxes negacionistas, por iso imos traballar todo o ano, sobre todo en novembro e decembro, baixo o lema 'Fronte ao negacionismo. Alianzas desde o feminismo'" e van facelo "con alianzas na comunicación, educación, cultura e investigación" e para iso "desenvolveremos accións os 365 días do ano".
A extensa programación elaborada pola Deputación de Pontevedra pretende denunciar que "a negación da realidade é unha forma máis de violencia sobre as mulleres", polo que expón que "é o momento de establecer novas alianzas desde o feminismo, reforzar as xa existentes e sumar forzas entre mulleres e homes aliados".
Segundo subliñou Carmela Silva, "hai moitas mulleres aliadas contra as violencias machistas e as discriminacións, pero tamén reclamamos as alianzas dos homes. Precisamos que se unan a esta loita".
A presidenta da Deputación agradeceu a participación neste acto dos representantes dos concellos aos que chegarán as accións do programa "Violencia Zero" e que hoxe reiteraron coa súa presenza "que están aquí para unirse a esta causa, a máis xusta, que é romper coas violencias machistas".
ACCIÓNS
A Deputación programou accións no Culturgal; actividades formativas na Escola de Enfermería, na Escola de Igualdade María Vinyals e nos centros educativos da provincia; tamén lanzará unha nova campaña de xoguetes non sexistas; o Ciclo Cinema de Mulleres; a Cátedra de Feminismos 4.0; a exposición 'Dende a fenda' a iniciativa Acciona o Rural: o Día das Escritoras; volverán colgar pancartas nas sedes de Pontevedra e Vigo; lerase unha declaración institucional no Pleno do 25 de novembro a cargo de Azucena Arias e presentarase o proxecto 'Gegame' unha ferramenta educativa en formato videoxogo para promover a igualdade de xénero.
Ademais volve á rúa o programa "Mujeres en acción. Violencia zero" co fin de seguir mobilizando conciencias e de implicar a toda a cidadanía na revolución feminista "cada vez máis urxente na procura de posibles saídas".
Para esta oitava edición, a Deputación propón manter os procesos participativos, coa programación dalgunhas pezas con obradoiro previo, e recuperar a precursoras do programa, ademais de xerar alianzas entre elas e con novas colaboradoras. Ao mesmo tempo, propón ocupar o espazo público de forma efémera, coas accións artísticas reivindicativas, e de forma permanente, con intervencións de arte urbana.
Performance, danza, música, teatro, muralismo, poesía e audiovisual danse a man para crear obras colaborativas e reivindicativas "dos nosos dereitos, do noso lugar no mundo".