Até o próximo 13 de decembro o Auditorio de Afundación será escenario da exposición 'Lourizán, presente, pasado e futuro'.
Trátase dunha mostra centrada nos traballos finalistas no concurso de ideas para decidir os novos usos do pazo, e que foi inaugurada este xoves coa presenza entre outros do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; as conselleiras de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o presidente da Deputación, Luís López.
Unha exposición que, segundo o presidente autonómico, avanza o "novo rexurdir" que terá o Pazo de Lourizán unha vez sexa rehabilitado integralmente.
A finca manterase como un centro de referencia forestal, pero a ese uso sumaranse, entre outras propostas, unha área para exposicións, un espazo multiusos e un hotel de catro estrelas.
As obras de restauración teñen previsto o seu comezo xa en 2025 e, segundo as previsións iniciais, concluirán ao longo de 2027.
Trátase dunha actuación na que a Xunta de Galicia investirá 17,3 millóns de euros e é unha "prioridade" para o executivo autonómico, segundo subliñouse na estrea da exposición.
Na mostra dos proxectos finalistas a cidadanía poderá coñecer a proposta gañadora, elaborada polos estudos de arquitectura liderados por Carme Pinós e Carles Enrich.
Todo iso ao longo de 28 paneis con imaxes, planos e infografías do Pazo de Lourizán, unha maqueta e máis de medio cento de fotografías para facer un percorrido pola súa historia apoiándose en recursos interactivos.