Juan Manuel Salgado Lamas, coñecido como Penedo, leva máis de 30 anos traballando como transportista internacional, percorreu toda España e Europa con todo tipo de mercadorías, ultimamente todas de carácter alimentario, e agora, aos seus 63 anos e medio, está a vivir experiencias nunca antes vistas nin imaxinadas. Pertence a unha desas profesións que non só non para con motivo das restricións do estado de alarma, senón que mesmo ten máis actividade, para poder fornecer ao resto da poboación de alimentos e produtos básicos e, á dificultade de facer o seu traballo co temor continuo do contaxio e durante máis horas, súmalle unha engadida: non ter servizos para suplir as súas propias necesidades básicas.
"O que máis estamos a sufrir é non ter servizo algún", explica este veciño de Barro desde Pozoblanco, en Córdoba, a última parada do seu roteiro. Desde que empezaron as restricións, pode contar cos dedos dunha man as estacións de servizo ou lugares de toda España nos que puido tomar un café ou un prato de comida quente, pois os establecementos teñen autorizada a venda de comida para recoller no local e levar, pero a inmensa maioría optou por pechar totalmente.
Así, por exemplo, despois de todo o día percorrendo España para levar unha mercadoría, os camioneiros atópanse con que, á hora para comer ou cear, teñen que optar por snacks que poidan comprar nas tendas das gasolineiras ou comida que puidesen atopar nun supermercado, en moitas das estacións de servizo nin sequera déixanlles utilizar os servizos e, nas que si poden pasar a noite no seu camión, cando se espertan pola mañá, non teñen nin opción de tomarse un café quente para poder coller forzas para unha nova xornada de quilómetros.
Penedo atopouse excepcións e enuméraas porque quere agradecer o xesto a quen si lle serviu unha bandexa con comida para poder tomala no seu camión. Na A-4, na área de servizo Guarromán en Xaén, servíronlle un menú en bandexa que logo degustou no seu camión. Na gasolineira Valcarcel da A-6, en San Vicente del Palacio, en Valladolid, tamén, lle deron, a través dun portelo, e puido comer quente. "Sérvencho…. Iso é unha marabilla", repite agradecido.
Na outra cara da moeda sitúa á inmensa maioría dos establecementos. Recoñece que, tras uns primeiros días de peche case total, a medida que avanza o estado de alarma está a atopar máis servizos, pero a tónica xeral é que "hai máis que non ofrecen nada que as que ofrecen algo".
O habitual é atoparse "estacións de servizos pechadas; moitas non che che deixan pasar aos servizos; se che deixan pasar, cos protocolos de seguridade estipulados, dun nun; non hai cafés, como moito, con moedas en máquinas". O máis habitual é que a comida que lles ofrezan sexa a que pode haber nas tendas e, como moito, unha barra de pan, e case sempre a "prezos desorbitados, sen nada de pratos de comida quente".
Este veciño de Barro entende as restricións do estado de alarma e el mesmo adopta todas as medidas de protección e non sae do camión sen luvas nin máscara, pero quere lembrar que "o volume do transporte non se reduciu nada, está a moverse igual que sempre, co correspondente risco que corres" e cre que, polo menos, poderían ter servizos asegurados.
Estes días el está a transportar leite, un alimento básico para a cidadanía, e nas últimas semanas nas que xa o coronavirus estaba a expandirse por toda Europa transportou tamén veu e aceite por distintos puntos de Francia, Portugal, Bélxica ou Italia. "Supón moito arriscar, ir a calquera parte, pero como transportamos alimentario, temos que movernos", asume.
Os seus compañeiros -traballa nunha empresa de San Miguel de Deiro, en Vilanova- estiveron en Italia nos peores días de expansión e "de momento, todos nos salvamos, pero que queres que che diga? Tal e como está o tema…" calquera día espérase un contaxio. É habitual que transporten leite desde Monforte a Madrid ou a Valencia ou aceite a León e sempre extreman precaucións.
As propias empresas evitan contactos e, cando fan entregas ou recollen mercadoría, tan só adoitan achegarse á persoa de recepción ou, como moito, outro empregado de persoal, e evitando as aglomeracións, pero Penedo insiste en que "por moi estrito que sexas, tanto vai o cántaro á fonte, que nunha destas rompe".