Expertos reunidos en Lourizán constatan o auxe da resina como produto forestal sostible

Pontevedra
02 de xullo 2017

Un curso organizado polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente en colaboración coa Consellería do Medio Rural reuniu en Pontevedra a especialistas nacionais na materia

Xornadas sobre a resina no Centro de Investigación Forestal de Lourizán
Xornadas sobre a resina no Centro de Investigación Forestal de Lourizán / Xunta de Galicia

Os expertos constatan o auxe da demanda de resinas naturais, unha materia prima con múltiples aplicacións unha vez transformada na industria, así como as grandes posibilidades de Galicia neste eido. Este produto úsase en áreas tan diversas como a fabricación de tintas, papel, adhesivos, pinturas ou produtos de limpeza, así como na industria cosmética e farmacéutica.

O pulo destas secrecións naturais que se obteñen das coníferas –especialmente do piñeiro– foi avaliado nun curso específico organizado polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente en colaboración coa Consellería do Medio Rural que tivo lugar esta pasada semana no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra. 

Nesta acción formativa participaron técnicos de xestión de recursos naturais, axentes forestais e medioambientais e capataces ou encargados de obra. 

O Centro de Lourizán, que depende de Medio Rural,presentou neste foro as liñas de investigación que está levando a cabo para o desenvolvemento de novas técnicas de obtención de resina de maior valor engadido no marco dun modelo de xestión sostible  para o aproveitamento deste produto, de xeito compatible coa madeira, nos piñeirais galegos.

Nestas xornadas, que se prolongaron ao longo de catro días, amosouse a perspectiva do sector resineiro internacional, a escala nacional e en Galicia. Indicáronse tamén os condicionantes da rendibilidade desta actividade para o resineiro, as posibles trabas, riscos e oportunidades de traballo. A parte práctica deste curso desenvolveuse no monte veciñal de San Xulián, en Marín, co fin de que os participantes adquirisen a formación técnica pra levar a cabo o aproveitamento deste recurso forestal sustentable.