O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro acolle o 7 de outubro a primeira "Xornada profesional de Turismo Arqueolóxico" financiada pola Mancomunidade de Terras de Pontevedra.
O curso contará con algúns dos máximos expertos en turismo arqueolóxico a nivel mundial como Jordi Juan Treserras (director de Ibertur e do LABPATC da Universitat de Barcelona), Ramón Montes Barquín (xerente do Itinerario Cultural Europeo Camiños de Arte Rupestre), Felipe Criado Boado (profesor de investigación do CSIC e director do INCIPIT) e Pilar Fatás (directora del Museo Nacional y Centro de Investigación de Altamira).
Os contidos do curso estrutúranse arredor do coñecemento do estado actual dos principais proxectos arqueolóxicos de Galicia, dende a perspectiva de profesionais da administración e da empresa privada, valorando tanto o seu proceso dentro de socialización do patrimonio, coma a súa integración dentro dos servizos de turismo cultural.
A xornada está orientada aos profesionais do sector turístico e arqueolóxico que traballen tanto nas administracións locais como outras entidades públicas e privadas, ou que teñan interese polo tema. Tamén poden participar nesta experiencia formativa aqueles estudantes de turismo, arqueoloxía e disciplinas afíns.
Esta xornada forma aparte das actuacións da mancomunidade mediante o convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, grazas a esta colaboración póñense prazas a disposición dos concellos e dos seus técnicos de turismo e cultura.