Para Antonio Avenoso, director da Axencia Europea de Seguridade Viaria, visitar Pontevedra é estar "como nun soño" porque considera que as actuacións de transformación realizadas na Boa Vila son "o futuro da seguridade viaria urbana".
Así o destacou tras completar a estancia de dous días que os membros do proxecto EU Road Safety Exchange, xestionado pola Comisión Europea, completaron en Pontevedra para afondar e comprender os elementos que fixeron posible a súa transformación urbana.
"A idea do proxecto é doada: coñecer as boas prácticas nos países da Unión Europea e como aplicalas a outros países", sinalou Avenoso, que asegurou que os impulsores de este proxecto, con dezanove países involucrados, viviron esta visita á cidade do Lérez con "enorme sorpresa".
O director desta axencia europea afirmou que Pontevedra ten a seguridade e a mobilidade viaria "como debería ser en todos os países e cidades do mundo".
A este respecto, asegurou que "quero que todos os socios desta da Unión Europea poidan ver cos seus ollos o que Pontevedra fixo", celebrando especialmente a convivencia entre peóns e os vehículos ou a mínima presenza de coches nas entradas dos colexios.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, engadiu que "a impresión que eu teño, logo de conversar e falar con eles, e que consideran que a Boa Vila é un bo exemplo non só na teoría, senón tamén na práctica", polo que mostrou a súa satisfacción.