Expertos cafeteiros demostran a súa profesionalidade en Pontevedra

Pontevedra
15 de maio 2017

O aroma do mellor café aínda arrecende no Recinto Feiral de Pontevedra. Centos de persoas gozaron esta fin de semana do Festival de Cafés Especiais, que reuniu aos mellores baristas -profesionais especializados en café de alta calidade- que hai en España

Participantes no Festival de Cafés Especiais celebrado en Pontevedra
Participantes no Festival de Cafés Especiais celebrado en Pontevedra / Alba Sotelo

O aroma do mellor café aínda arrecende no Recinto Feiral de Pontevedra. Centos de persoas gozaron esta fin de semana do Festival de Cafés Especiais, que reuniu aos mellores baristas -profesionais especializados en café de alta calidade- que hai en España.

Todos eles demostraron a súa técnica, o seu traballo, a súa disciplina e a súa paixón polo café en cinco modalidades.

O campionato de baristas centrouse en promocionar a excelencia do café, promovendo esta profesión. A proba de latte-art, a arte de debuxar con leite sobre o café, buscaba destacar a expresión artística; mentres que o campionato de brewers puxo de relevo a artesanía do café filtrado feito a man.

Ademais, o campionato de good spirits promoveu receitas innovadoras que mostrasen café, licores e ingredientes únicos; e o campionato de cata premiou ao catador profesional que demostrase velocidade, habilidade e precisión en distinguir os sabores.

Os resultados foron:

Campionato de Brewers

  1. Adrián Fernández
  2. Atanas Valentinon
  3. Pedro Balayo

 

Campionato de Cup Tasters

  1. Fernando Franco
  2. Csaba Boka
  3. Manu Sisto

 

Campionato Latte Art

  1. Karen Quiroga
  2. José Vicente
  3. Mario Vidal

 

Campionato de Good Spirits

  1. Willy Gómez
  2. Damián Seijas
  3. Manuel Barragán

 

Campionato de Baristas

  1.  Axel Simón
  2. Raúl Alonso
  3. Marco de Rebotti

 

Xunto con estes campionatos profesionais, a organización deste Festival de Cafés Especiais ofreceu unha ampla programación aberta ao público, coa intención de que os amantes do café ou os profesionais da hostalería local puidesen gozar deste mundo, mostrando o ciclo deste produto desde a súa orixe ata a cunca.