Unha curiosa anécdota protagonizou a sesión deste luns do xuízo por branqueo de capitais que se desenvolve na Audiencia de Pontevedra contra o histórico narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco.
O presidente da Sección Segunda da Audiencia Provincial, Xosé Xoan Barreiro Prado, suspendeu durante media hora a vista oral ao descubrir ao avogado de Miñanco, Gonzalo Boye, fumando un cigarro electrónico.
Tras sorprenderse ao ver unha gran fumareda o maxistrado interpelou ao letrado: "Pero vostede está a fumar na xala? Que ten vostede na man?", e acto seguido suspendeu a sesión.
Analizada a situación retomouse a vista oral e o letrado da Administración de Xustiza deu lectura á resolución do tribunal na que se require ao letrado Gonzalo Boye "para que se absteña de fumar en sala e faga entrega do aparello que utilizou para iso", en referencia ao vapeador empregado.
Ademais anunciou a apertura dun expediente sancionador.
Á saída da Audiencia o letrado afirmou que presentará alegacións cando lle notifiquen este expediente que podería carrexarlle unha multa. "Creo que el tribunal se ha confundido", valorou Boye quen asegurou que xa vapeou nesta mesma sala en todas as sesións do xuízo de Sito e "hay testigos".
MÁS PERITOS
Á marxe deste curioso episodio a sesión deste luns foi bastante breve coa comparecencia de unicamente dous peritos. Aínda faltan outros dous técnicos por declarar, unha peritaxe da defensa e unha perito de Facenda, que padece un cancro polo que alegou unha "imposibilidad manifiesta de comparecer".
Os avogados da defensa expresaron a súa protesta porque esta persoa opúxose en todo momento a que a interrogasen e agora o fiscal quere dar o seu informe por reproducido.
"Lo que ha quedado claro", segundo Gonzalo Boye, é que as valoracións nas que se basea a acusación "tienen bastante poco fundamento, bastante poco rigor".
O letrado da defensa da ex muller de Sito Miñanco, Alejandro Veiga Vázquez, declarou que "no hay comparación" entre a proba pericial presentada pola defensa e a que achegou a acusación. Ambas analizaron a valoración realizada dos inmobles intervidos nesta investigación por branqueo de capitais.
Sinala este avogado que a pericial feita pola acusación fíxose sen visitar as propiedades, "con unas contradicciones terribles" algunhas delas "muy groseras" algo que, segundo o seu criterio, "entiendo que debería llevar a una retirada de la acusación".