Expedientan a Cespa por non comparecer ante o Concello para informar sobre as contratacións

Pontevedra
07 de marzo 2016

Os expedientes poden derivar en dúas multas á empresa de entre 1.502,53 e 6.0010,12 euros cada unha pola súa "incomparecencia" na comisión de investigación aberta polo Goberno local para aclarar os presuntos enchufes na concesionaria do servizo de lixo. O responsable da empresa recibiu dúas citacións ás que non respondeu en outubro e novembro

Rexistros no marco da Operación Patos
Rexistros no marco da Operación Patos / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra abriu dous expedientes sancionadores á empresa Cespa, concesionaria do servizo de recollida de lixo, pola súa actitude en relación coa investigación aberta polo Goberno local parar aclarar as contratacións presuntamente irregulares realizadas pola firma na cidade. Por mor das informacións divulgadas por varios medios de comunicación sobre posibles enchufes de Cespa, decidiuse crear unha comisión para investigar os seus procesos de contratación de persoal. Agora, esa comisión dáse por pechada coa apertura de dous expedientes que poden derivar en dúas multas á empresa de entre 1.502,53 e 6.0010,12 euros cada unha por "incomparecencia" na citada comisión

O portavoz do Goberno local, Raimundo González, explicou este luns que o Concello abriu a comisión de investigación porque quería "clarificar os feitos" e tentouno por todos os medios posibles, pero atopouse con todo tipo de trabas por parte da empresa. O instrutor da comisión foi o concelleiro de Persoal, Vicente García Legisima, que envío providencias a Cespa reclamándolle documentación técnica relativa aos contratos efectuados no últimos cinco anos e a comparecencia do xefe de explotación de Pontevedra

A empresa non enviou a documentación requirida nunha primeira providencia, pero ao segundo intento si o fixo e o Concello ten todos os contratos realizados no últimos cinco anos, entre 400 e 500, segundo explicou González. En relación coa comparecencia do responsable da empresa, citóuselle de forma oficial a través de dúas providencias o 29 de outubro e o 4 de novembro e "mediante escrito negouse a comparecer", de modo que "non se puido realizar ningún tipo de pregunta".

O grupo de Goberno interpretou que a empresa incumpriu "de forma clara e patente" a obrigación sinalada no apartado 5 do artigo 3.11 do prego de cláusulas administrativas do contrato polo que se lle adxudicou o contrato de recollida de lixo en Pontevedra, en tanto "queda claro que a empresa non prestou a colaboración que ten que prestar como consecuencia de ser concesionaria do servizo". Este comportamento implica que cometeron dúas faltas graves e derivou na apertura de dous expedientes sancionadores cuxas contías oscilan entre os 1.502, 53 e os 6.0010,12 euros, o que pode  levar ata 12.020,24 euros de sanción. 

O inicio destes expedientes sancionadores implica dar por finalizada a comisión de investigación sen lograr o seu obxectivo: aclarar os procesos de contratación de Cespa. O anuncio coincide coa noticia de que se arquiva de forma provisional a investigación xudicial aberta sobre a empresa por estes presuntos enchufes, pero Raimundo González asegura que non teñen nada que ver ambos os procedementos xudicial e administrativo e insiste en que para o Goberno local o que máis interesaría sería "que viñeran a comparecer" e explicáseno todo, pero non puido ser.