O Concello de Pontevedra destaca o "novo éxito" que supuxo Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, que este luns pechou as súas portas.
Ao longo das tres xornadas (sábado 11, domingo 12 e luns 13) pasaron polo Recinto Feiral de Pontevedra miles de persoas, "o que confirma a consolidación do evento como un dos máis importantes e populares no calendario feiral galego", salienta o Concello nun comunicado.
Desta edición subliñan "tanto o aumento de público xeral e profesional como a presenza de máis de 80 produtores, 26 deles novos, que apostaron por Etiqueta Negra como escaparate para dar a coñecer os seus produtos".
"Corredores cheos de persoas foi a tónica xeral durante os tres días de celebración", engaden.
Foron tres xornadas de intensa actividade con obradoiros e catas especiais no Espazo Etiqueta, degustacións na zona de catas e na viñoteca, espectáculos e cociña en directo no anfiteatro, unha programación que non cesou nestes espazos que funcionaron de forma simultánea colgando o cartel de completo en todas as actividades desenvolvidas neles.
Igualmente, máis de 1.000 alumnos de centros de ensino de hostalería, restauración, dietética e nutrición ou cociña, de toda Galicia asistiron á última xornada da feira como futuros profesionais do sector para coñecer de primeira man as calidades dos produtos expostos.
Por outra banda, expositores e distribuidores mantiveron intercambios comerciais no punto de encontro profesional no que se celebraron máis de 150 reunións de traballo.
Son datos que aporta o Concello de Pontevedra que aínda ten sen contabilizar os centos de reunións que os produtores mantiveron nos seus propios stands cos profesionais acreditados e cos responsables de compras das grandes superficies comerciais. Esta zona cedeuse aos expositores de maneira gratuíta como apoio para facilitar o acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios.
Para desenvolver estas axendas de reunión contactouse con máis de 500 tendas gourmet, 300 distribuidores de alimentación e bebidas, 350 establecementos hostaleiros, así como 200 hoteis, pazos e casas rurais.
Por último, o Concello tamén sinala o "alto grao de satisfacción dos máis de 80 expositores presentes nesta edición".
"Moitos deles manifestaron que o primeiro día xa cumpriran as súas expectativas de venda e, de feito, tiveron que volver ás súas sedes loxísticas para repoñer mercadoría", conclúen.