Éxito en Soutomaior do programa "Dálle a volta á biblioteca" con cifras record de novos carnés

Soutomaior
26 de outubro 2024
Actualizado: 12:48

Só no Día das Bibliotecas pasaron por ela máis de 150 persoas e fixéronse máis dun centenar de préstamos, unha cifra récord para este centro situado en Arcade, que fixo doce novos carnés

Préstamo dun libro na biblioteca de Soutomaior
Préstamo dun libro na biblioteca de Soutomaior / Concello de Soutomaior

O goberno municipal de Soutomaior está "máis que satisfeito" co resultado do programa "Dálle a volta á biblioteca", que se activou entre os días 14 e 24 de outubro para conmemorar o Día das Escritoras e o propio Día das Bibliotecas.

Así o destacaron a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, e a bibliotecaria Patricia R. Saavedra, que celebraron que só no Día das Bibliotecas pasaron por ela máis de 150 persoas e fixéronse máis dun centenar de préstamos, unha cifra récord para este centro situado en Arcade.

Con motivo desta celebración, só nun día fixéronse 12 carnés, o 9% dos novos usuarios e usuarias de todo o ano 2024 ata a data. Iso significa que se fixeron tantos carnés no 24 de outubro como en todo o mes de xaneiro ou de febreiro e máis que en calquera mes do verán.

"Estamos moi contentas porque acadamos de sobra os obxectivos marcados para este programa", destacou a edil de Cultura, que subliñou que tamén lograron "derrubar a idea de que nas bibliotecas só temos libros" organizando varias actividades dirixidas a todos os públicos.

Así, para visibilizar as obras das escritoras galegas, o programa comezou coa escolla do libro As puntas da louza da autora Lorena Conde para organizar unha performance poético musical que se levou a escena partindo dos textos do seu poemario.

O mércores 23 de outubro tivo lugar o espectáculo Galicia coa maxia do mago que coorganiza o festival de maxia Galicia Ilusiona, Pedro Bugarín, dirixido ao público infantil.

No Día das Bibliotecas houbo, entre outras actividades, a visita dos usuarios e usuarias do centro de día Boas Apertas de Arcade, unha visita teatralizada á biblioteca coa aparición da "pantasma" de María Moliner ou iniciativas ao redor dos xogos de mesa, tamén dispoñibles para o préstamo.

Foi unha xornada que chegou cun agasallo moi especial, xa que todas e todos os que realizaron un préstamo dun libro, revista, película, CD ou xogo de mesa levaron unha bolsa deseñada pola artista local Alba Troiteiro inspirada na biblioteca.